Opinión

O desbaraxuste cultural de Galicia

Por aí fóra sucede que, máis ben cedo que tarde, tan axiña como fales de literatura ou, ó par dela, de cuestións que atinxan ó entretecido e diverso ámbito cultural que lles sexa propio, saen disparados os que opinan a favor ou na contra do que ti dixeches ou escribiches e, como consecuencia delo, o debate se anima, a reflexión xorde e a autoestima medra.

Non sucede así entre nós. Nestes nosos eidos de costas verdescentes e transparentes raios, consecuencia inequívoca dos prácidos e demorados luares que disfrutamos, é necesario que se fale da lingua pra que as altas copas de escuro arume arpado enceten o seu ben compasado e monótono fungar e todo deus diga o que ten que dicir malia que isto sexa sempre o mesmo e non deamos espertado do sono nin a instancias de Breogán. Que nos pasa, que nos acontece? 

O Reino de Galicia, alá no século V da era na que aínda andamos, foi o primeiro Estado constituído en Europa; antes, no VI a.C. chegaron os celtas, según eu teño entendido. Estrabón, facendo a crónica da invasión romana sucedida no 183 a.C. fala dos kallaikoi, dos habitantes de kallaekía que os románs chamaron Gallaecia. ¿No que se falaba durante todo ise tempo? ¿Eran galegos os kallaikoi que falaban un idioma que nomeaba os ríos antepoñendo o prefixo arn e ós montes facendoos rematar en bre?

Sempre preferín falar de literatura moito máis que facelo de lingua. Nela está todo o que somos e nos caracteriza. E estao en moita maior medida do que o pode facer a lingua...ou tal penso eu. Con independencia de que fose preferible que o fixese en irlandés e que dende el fose trasladado a outros idiomas, pra que a realidade do seu país fose mundialmente coñecida e valorada, o certo é que, a literatura de Joyce, fixo ben máis polo seu país, polo coñecemento do seu país e o respecto que del indubidablemente se desprende, que centos de textos doutros escritores que non acadaron a expresar o bergsoniano élan vital da súa cultura coa perfección e magnificencia coa que o logrou Joyce.

Unha cultura non se significa, tan só, pola lingua na que estea escrita. A lingua debe estar ó servizo da literatura e non esta ó servizo da lingua. Hai máis Galicia na "Mazurca para dos muertos" de Camilo José Cela ou na "Saga/fuga de J.B." de Torrente Ballester que en gran número de novelas consideradas canónicas pero carentes de verdade antropolóxica algunha na medida na que a ofrecen os dous textos citados.

Por iso eu son partidario de sumar e de facelo recoñecéndolle a ambos, e con eles a moitos outros máis, dende a Pardo Bazán a Valle-Inclán, a condición de escritores galegos de expresión castelá e integrados nun sistema literario que reflicta a realidade socio cultural que vivimos.

Levamos case que corenta anos escindindo a nosa realidade dun xeito que, con razón ou sen ela, se me antolla suicida. Cambiou a sociedade moito máis apresa ca linguaxe que pretende reflectila dende o ámbito que nos é máis propio cronoloxicamente considerado e que cada vez está máis debilitado léxica, sintáctica e foneticamente; é dicir, cada vez está más deturpado, máis dialectalizado e, o que é peor, máis arredado da realidade que se nos esta escorrendo entre os dedos coma se fose auga.

Non ofrece moitas dubidas a consideración de que a realidade que se amosa sexa debida, nalgunha medida a establecer, á intelectualidade patria, chamémoslle así, comodamente instalada nas institucións legais realmente propias e vixentes dende pronto fará (moito antes do que supomos) o medio século da súa existencia. Nunca Galicia dispuxo de tantos instrumentos de salvación cultural e probablemente nunca sería posible tal desbaraxuste histórico como o que estamos vivindo: a sociedade por un lado, a elite cultural por outro.

A elo e tamén sen dúbida leva colaborado en gran medida a política cultural do Goberno galego que leva anos e anos sen ofrecer unha defensa decidida do propio e substancial. É certo que non é nada doado gobernar en medio dun temporal económico como o que se deriva da crise e do cambio de ciclo conxuntados que vimos atravesando dende hai unha década, pero non é mentira que non tería sido o mesmo si se lle houberan botado imaxinación e gañas ó asunto de gobernar cun pouco máis de sentido de nación e unha maior implicación na realidade socio cultural do país. É triste, pero non por selo deixa de ser certo.

A nosa cultura, fundamentalmente agrícola e mariñeira, mudou noutra e cidadá que non se está logrando implantar do debido xeito e non acadamos a convertela debidamente en algo que ademais de cidadá respondese á realidade industrial que o país reclama; ben ó contrario, a incipiente industria foi desmantelada e derivóusenos a ser un país de camareiros dependentes de turistas e de peregrinos varios. O que nos sucedeu a mediados do XIX está sendo repetido a comezos do XXI, pero é moi de temer que, malia ter hoxe ferramentas das que eles careceron, non saibamos dar unha resposta de país coma a que deron os precursores. Lástima.

Te puede interesar