Opinión

Os desexos das mulleres do século XI

Coido que xa lles terei escrito arredor do libro de Katherine Harvey, doutora en Historia polo King College de Londres. Se así o fixen, recórdolles que se titula na súa versión castelá “Los fuegos de la lujuria. Una historia del sexo en la Edad Media”. O contido poden vostedes imaxinalo. 

Merqueino a fin de documentarme arredor das relacións humanas nese século XI no que os galegos tivemos un rei que, acaso por espallar o seu reinado máis ala de Coimbra, esa cidade que según afirma o fado “é máis fermosa na noite da despedida”, pasou dezasete anos da súa vida encadeado, morreu así e déronlle terra tamén así. Confabuláronse en contra súa os seus irmáns Sancho de Castilla e Alfonso de León, o que xurou en Santa Gadea que non participara na morte daquel e logo, xa postos, enganou a García, apresouno e deixouno morrer preso como se acaba de dicir e os máis de vostedes xa o saberían. Así que descúlpenme o que de pedantería poida haber no comentario. Tenme obsesionado a figura deste noso rei. Antóllaseme paradigmático da nosa condición, refírome á nosa condición de galegos, claramente. 

Por se me dera, que igual me da, por escribir algo arredor do rei García ando a documentar esa Idade Media na que lle tocou vivir. Levo lidas xa un feixe de páxinas e ata nese concreto eido das relacións humanas, cando menos ata onde eu lin, tampouco non temos moito que ver co resto dos nosos contemporáneos daquel tempo, nin moito menos. A historia defínenos dun xeito máis limitado, non quixera dicir que ruín, do que o fai a antropoloxía socio cultural que tanto me aprendeu prá escritura de “Xa vai o Griffon no vento”. O teatro do Século de Ouro da literatura española. O sistema de valores nos que se asenta, non ten nada que ver neste eido concreto no que tamén colle a luxuria. Quen queira comprobalo que lea o libro que acabo de citar, reeditouno non hai moito Aira das Letras. Non hai nel fabulacións de novelista e os feitos históricos son iso, son rigorosamente históricos.

Se agora me decidise a aterrar no noso século XI, que igual o fago, non tería sentido que reproducise nel o que a respecto do sexo nos indica a doutora Harvey no seu libro; nada que ver con nós, cando menos de momento. Por exemplo, na súa páxina 52 alude a un libro de autor anónimo, editado en España no século XV co título de “Speculum al foder” no que se afirma que “dunha muller experimentada aprendín as características que as mulleres desexan nos homes. Estas son un bo membro, un pene longo e duro e un seme abondoso”. Recorden agora, aqueles que leran “O Griffon” que, a esa altura do XV e con máis intensidade no XVI, a Inquisición viña a Galicia con dúas misións, a saber: perseguir o contrabando de libros que se realizaba a través dos conventos e das casas nobres e máis a fornicación posto que a Igrexa galega afirmaba que o fornicio non era pecado. Díganllo ó señor alcalde de Zalamea. E nesas ando. Non tanto en entender como somos como en pretender que nos coñezan e entendan. Non creo que o consiga.

Te puede interesar