Opinión

Dez cousas de "cuñaos"

Eramos poucos e a avoa fixo un guateque, ou como se lles chame agora a tal tipo de eventos. Sempre falamos de que aceptamos mansamente ser un país de albaneis e camareiros e non nos decatamos de que no lote viñan tamén cuñaos, a maiores dos profetas e doutros enteirados, todologos que de todo saben e de todo entenden. A min acaba de chegarme o escrito dun destes cuñaos. Transcríbolles algunha das súas lindezas, permitíndome comentar algúns extremos. 

1. "Estamos en una situación de posguerra dantesca, sin recursos ni liquidez para asumir los compromisos que tenemos en el ámbito público y de gestión, el contexto económico es desolador. Nada nuevo pero que sepamos que no hay marcha atrás. Nuevo mundo, nueva era". Pois ben, nunha posguerra non queda unha fábrica en pe, os aeroportos están danados, as pontes derruídas, o comercio desaparecido, os campos queimados, os cultivos estragados, os exércitos dezmados... agora tódolos países estanlles máis o menos igual de afectados e esa situación non se produce.

2. "En 3 meses Europa intervendrá España". Isto según llo afirmou ó remitente un curmán do cuñado dun ordenanza, sobriño dunha tía avoa da súa muller, que ten ó sogro traballado de mecánico nos talleres do ministerio de facenda e il está de bedel nese mesmo ministerio.

3. "Junto al rescate (que ya lo sabe y sospecha el gobierno) Habrá guerra interna, Podemos no lo tolerará y el cisma se consuma. Se propondrán en otoño elecciones para Enero 2021". A gorxa profunda é, neste caso, a do coadxutor dunha parroquia madrileña que non respecta o segredo de confesión sendo como é o director espiritual dunha parenta de Irene Montero que está facendo os primeiros venres de mes e o pon ó día tódolos xoves, entre sete e oito da tarde, que é cando, en función do seu sagrado ministerio, acode a tomar chocolate con churros ó domicilio particular da sagaz e dicharacheira informante. 

4. "Ahora lo único que hacen con las medidas es ganar tiempo. El gobierno no quería la desescalada, pero Europa y la presión de países vecinos que ya la tienen, les han forzado." Xa. Por iso Bruxelas, sempre atenta ás nosas máis perentorias necesidades, enviou un dos chamados "homes de negro" coa consiga de que lles cantaran ó goberno aquilo do desescalador que nos desescalare bon desescalador será... e o problema quedou resolto.

5. "El sistema público de pensiones deja de tener liquidez en 3 meses y la SSSS entra también en colapso. La tasa de paro será la mayor de la historia". Neste apartado da toda a impresión de que ó informante se lle foi a man nos "SSSS". O que se ignora é se tanto "ese" foi causa de que empezara cantando aquilo de "era o viño, miña nai, era o viño quen por min falaba" ou máis ben unha insolación collida a destempo neste maio que, de momento, nin é florido , nin é fermoso 

6. "Hay CCAA que entran en quiebra (Canarias se queda sin turismo y solo podrá vivir del plátano por ejemplo, Baleares igual. Recordad que Alemania recomendó no ir allí). Ata agora Baleares producía ensaimadas, pero en diante seica tamén ten toda a intención de producir plátanos, dous millor ca un, así que a verdade moito futuro parece ser que non vai ter se así se ocupa. O certo é que nesto haberá que darlle a razón ó esgrevio analista. 

7. "Abrumadora bajada de la natalidad cuya tasa baja ahora del 1.27 al 0,6". A verdade é que xa sucedeu algo así cando o famoso apagón de Nova York: ós nove meses non naceu nin un só neoiorquino máis pois a xente, ante a carencia de televisión, pasara a noite rezando pra que volvera a luz según me contou a min o coadxutor do apartado 3 que, descúlpenme que non llo dixera antes, pero é sobriño dun ex tío político meu perdido en tal condición pero conservado como amigo logo do meu primeiro divorcio.

8. "Entre el 30 y 40% de bajada en los precios de las viviendas. (...) Compraremos poco y lo necesario. (...) Se acaban los gastos superfluos." aguda observación aplicable a ese corenta por cento de cidadáns españoles que a politica de recortes deixou na linde da pobreza e que levan anos facendo gastos superfluos. Manda c... n'A Habana,

9. "Las CCAA pagarán la renta mínima, eso es seguro y durante un período máximo de 2 años a los colectivos más vulnerables". O que lle admira a este escribidor é a precisión do coñecemento xa non se sabe de quen, de si do cuñado da tía avoa Maruxa ou da lareta beata que se confesa co coadxutor parroquial os xoves antes de ver o "Intermedio" con tal de lle poñer a figa ó Gran Wyoming.

10. "Cambio cultural y estructural de todo el sistema político, económico y empresarial que hemos conocido hasta ahora". Así, sin máis. Vai cambiar todo, díxonolo Brais e punto redondo. Claro que vai haber cambios. Xa os houbo coa anterior crise e as solucións que se aplicaron serviron pra acabar coa clase media a base de recortes, co dano que ese recortes fixeron no sistema sanitario, no educativo, nos laboratorios e centros de investigación, así que é de sospeitar que se rectifiquen erros de tal calibre e poidamos seguir o exemplo ofrecido por países moi próximos a nós que fixeron xusto o contrario do que se fixo no noso e mesmo por outros que non son tan próximos, mesmo que son antipodanos ou insulares e fríos. "Y si, en efecto, Carmen Calvo está recuperándose de un Covid muy duro." Esta coda final non se sabe moi ben a que responde, pero é doado que poidamos imaxinalo sen maior esforzo e optemos por empezar a fixar a nosa vista en lugares máis hixienizados mentalmente.

Te puede interesar