Opinión

Érbedos, crisantemos e kiku-ri

Coido que era nestes días outonais cando, ás veces, nos levaban apañar morodos polo Montealegre adiante. Os morodos sonlles os froitos desa árbore chamada “madroño”; a mesma que no escudo de Madrid figura cun oso ergueito que apoia as súas gadoupas no seu toro. Pode que o que pretenda o oso sexa non só apañar morodos senón mesmo afiar as poutas contra a codia do arboriño. Non se sabe. E tanto ten.

Apañabamos tantos morodos que logo nolos puñan de prostre. Teño pra min que nolos servían aviados cun chisco de vinagre de viño, como se fai coas fresas. Unha fartura. Apañar apañabámolos, estivesen en sazón ou estivesen aínda verdes, sen escolmar os uns dos outros, de xeito que, cando no los servían de prostre, tampouco pasaran por peneira ningunha e tal como viñan regresaban á cociña nunha non pequena porcentaxe dos servidos en cada mesa.

Sucedía así no Colexio Menor Calvo Sotelo, un colexio hoxe extinto, no que estabamos internos un feixe de rapaces, alí, na Praza das Mercedes, onde estaba o parque dos bombeiros e ó pé mesmo da estrada pola que transitaban as carrozas mortuorias subindo cara ó cemiterio de San Francisco. Nada que ver cos enterros actuais, tan asépticos, tan fríos e sen nada que obxectar ós zurullos cos que, ás veces, os cabalos que arrastraban a carroza ían estrando o recorrido. Outro día igual falamos delas, habíaas de varias clases e prezos,as carrozas, aínda que só sexa por comparar.

Nós ós tales e “madroños” chamámoslles érbedos na nosa lingua. Cara ó campo de fútbol do Couto, había que cruzar por riba do Barbaña camiñando por unha ponte coñecida como a ponte de Erbedelo. Ouh, que tempos… cantos recordos suscitan! Porén, por moita ponte de Erbedelo que cruzásemos, non recordo ter visto un so érbedo mentres camiñabamos cara o campo de fútbol dispostos a berrar “hala Marcial, chulo e valente” animando así a un dos nosos futbolistas máis queridos. Quen se lembra hoxe deles, de Malet, de Bolitas, de Gato... e de tantos outros? Quen dera hoxe unha fontiña de morodos, ben maduriños, servidos nunha fonte de regular tamaño! A vida dos vellos transita moitas veces por estes pequenos non sei se dicir caprichos, se antollos ou se que… pero así é a prostreira e definitiva idade que non poucos desfrutamos.

Morodos e crisantemos. O mesmo me equivoco e, os primeiros dos dous citados, non corresponden a este tempo que se achega ó advento que era cando os curas, que daquela aínda lucían tonsurados, vestían unha casula verde chegada a hora de misar. Moito cambiou o mundo dende entón. Daqueles, dos morodos, aínda queda algo dito; destes, dos crisantemos apenas queda algo por dicir. Éralles, sonlles flores solares que, noutras culturas, na xaponesa por caso, alongan a lonxevidade. Ou iso cren os nipóns que o coñecen co nome de kikus evocando así, por homofonía, a palabra kiku-ri, a audición da verdade. Se o recordo ben, que posiblemente non, os crisantemos que pousamos nas campas dos nosos defuntos, nestes días outonais, implican a mediación entre o ceo e a terra, na condición de axentes da vontade celeste, esa nosa incógnita perenne.

Te puede interesar