Opinión

Españoles malos, bos e os seus símbolos

Hai cento dez anos, alá polo lonxano verao do 1899, os que dende aquela son coñecidos como "Os derradeiros de Filipinas" rendéronse; por fin, rendéronse. Levaban case que un ano enteiro dentro dunha igrexa, padecendo un asedio cruel, esfameados, sufrindo escorbuto e desdentados, cando abandonaron o recinto que defenderan no convencemento de que ese era o seu deber posto que estaban en guerra. O medio cento de superviventes saíu do seu encerro, non sei se en correcta formación militar, coido que sí, ó mando dun tenente que foi quen decidiu a rendición ó ler, nun xornal atrasado, que a guerra rematara había tempo. As forzas filipinas que os asediaran durante todo ese longo ano os recibiron en formación que só se lle presta ós que merecen honor.

Acordeime desta efeméride, máis que porque eu garde unha gran memoria de feitos coma estes, porque xa se levan feito varias películas sobre tal comportamento dos militares españois e, este que acabo de recordar, veume de novo á cabeza grazas ó comentario que un vello compañeiro de estudios no Instituto do Posío verteu nese chat do WhatsApp, do que lles teño falado, que mantemos entre moitos do medio cento ou máis dos que fixemos a reválida de sexto e o preu e de entre os que saíu de todo: médicos, avogados, coroneis, xenerais, capitáns de navío, aviadores, profesores, redactores de constitucións vixentes na América Central e mesmo algún galopín que outro, eu mesmo entres estes últimos.

O comentario que motivou o meu e inicial procedeu dun coronel, diriamos que mental e intelectualmente pertencente a un exército moderno e modernizado que se referiu nel ó feito, aínda recente, de que no día da festa nacional francesa, o 14 de xullo, a Segunda Compañía do Batallón San Quintín do Rexemento Asturiano Príncipe 3 (que maneira de precisar a do meu amigo e compañeiro de bacharelato!) abriu o desfile celebrado nos Campos Elíseos. Todo un honor concedido polo Estado francés que, nestas cuestións, fía moi fino.

A que se debeu tal honor e tal recoñecemento? Pois explícanolo polo miúdo o noso coronel nese chat no que se comenta de todo, dende babor a estribor ideolóxico e dende embaixo a enriba sociolóxico. Resulta que en Koulicoro, en Mali, os membros desa unidade do exército español, evitaron un atentado terrorista impedindo que dous vehículos, con media tonelada de explosivos cada un deles, fixera unha masacre e acabaron abatendo a todos os membros do comando terrorista. Enteiraronse os franceses, rendéronlle honores, mentres que eiquí non lle deron nin un minuto nos telexornais, cando menos que eu saiba. Tampouco se sabe xa nada dos "Derradeiros de Filipinas".

O peor legado que nos deixou o réxime anterior foi a enorme desafección co estamento militar que padecemos a maioría dos cidadáns deste país; a identificación coa moral, coa relixiosidade e mesmo coa ética dos triunfadores; a diferenciación entre os bos e malos españoles; a apropiación en exclusiva dos símbolos que deberan ser de todos, pois constitúen un sinal de identidade colectiva, entre eles a bandeira, todo elo e máis constitúe ese legado. Xa se sabe que houbo (e hai aínda, pero haberá que se preguntar por que), a identificación do exercito vencedor coma o único exército español e ó exercito defensor da legalidade coma un mangado de malandríns e que iso é algo que está sendo de moi difícil superación. Hai oitenta e pico anos equivocámonos todos e aceptamos, aceptamos gozosos, uns e outros, servir de campo de probas internacional dos métodos cos que se habían ver as caras os contendentes na Segunda Guerra Mundial. Superado o noso conflito, comezou esa segunda grande guerra e, rematada esta, as potencias occidentais deixáronnos ó noso avío coas nosas feridas todas debida e dolorosamente abertas. E aínda non aprendemos a lección.

Manuel Azaña, si, o mesmo daquelo de "tiros a la barriga" referido ós anarquistas de Casas Viejas, consciente do que participara, sabedor da responsabilidade que lle incumbía por ter ocupado tan alta maxistratura como a que ocupou, dixo algo moi simple e conciso: pediu "Paz, piedad, perdón". Ó día de hoxe moitos dos símbolos dos que tendo ganando a guerra non souberon ganar a paz, acosando e perseguindo ós vencidos durante anos, e anos, e anos, seguen vixentes e actuantes servindo de exemplo de a quen pertencen e por que. 

Mentres, os nosos exércitos evolucionaron, vaia se evolucionaron. Afortunadamente. Participan en misións internacionais en igualdade cos exércitos do mundo democrático e no ámbito nacional ocúpanse, en non poucas ocasións, na protección da cidadanía en misións de índole humanitaria. Pero aínda falta ese empuxe que faga que se elimine esa identificación nefasta cos símbolos que se lle adxudicaron en exclusiva impedindo que se volveran facer comúns. Un francés que leve unha pulseiriña coas cores nacionais nun dos seus pulsos, no colo do seu Lacoste, ou no colar do seu can, pode ser e de feito é considerado un patriota, pero un español que faga o mesmo cos seus colores vai ser considerado un facha cando os patriotas teñen que ser os cidadáns todos, os de esquerdas e os de dereitas. A outra parte dese legado é que os que locen as cores galegas, vascas ou catalás sexan todos de esquerdas e revolucionarios. Asegúrolles que, entres eles, tamén lles hai moito carca.

Te puede interesar