Opinión

Gato branco ou gato negro?

Opinión

Gato branco ou gato negro?

Falábase, o pasado domingo e eiquí mesmo, da parte alícuota de responsabilidade colectiva coa que debemos apandar cada un de nós; nunha medida uns e noutra medida outros. Ó tempo suxeríase a pregunta de como se explica a tendencia a culpar sempre a alguén, sempre que non sexamos nós mesmos, como o causante dos nosos males. Poñamos un exemplo: Algo vai soberanamente mal? Pois como din os italianos: "piove?: porco governo!". 

É certo que eiquí e agora algo non vai ben de todo? É certo. O barco ten varias vías de auga e cando a culpa delo cando non é do goberno central, é do autonómico. A realidade é que a pandemia está pondo de releve non só os fallos do sistema sanitario, que os hai, senón que tamén pon en evidencia as deficiencias que vai descobrindo a obsolescencia de determinadas aspectos da Constitución.

Nas pasadas semanas o único a cerca do que máis e millor nos vemos empuxados a discutir é de se a culpa é da xefatura do estado, da monarquía, ou non, e de se hai que substituíla canto antes por outra, por unha república. Fácil recurso antóllaseme este, nebulosa corina (dise ben corina, non cortina) de fume coa que desviar o que foi non só un comportamento persoal execrable senón tamén un deficiente labor dos políticos cara unha institución que leva anos funcionando dun xeito aceptable. Esquecémonos, unha vez máis, de que se algo funciona, se un instrumento segue sendo utilizable e aporta rendementos, non debemos intentar arranxalo porque daquela si que pode deixar de facelo, daquela si que pode deixar de funcionar e a xefatura do Estado leva anos funcionando pese ó execrable da conduta persoal de quen foi o seu titular durante corenta anos. É certo. Pero tamén é responsabilidade de máis xente. 

En principio esa responsabilidade atinxe a máis xente. Dende os redactores da Constitución que sacralizaron a figura real, dotándoa dunha impunidade e máis dunha inmunidade diríase que absolutas e que, non contentos con iso, sacralizaron tamén o labor dos políticos posibilitando a partitocracia na que vivimos; dende a irresponsabilidade destes, facendo mal uso da súa condición, ata a de todos aqueles, mesmo de non poucos dos setenta e tantos asinantes do manifesto en apoio do ex monarca, que tendo que ser coñecedores do que estaba sucedendo encubrírono todo con moita máis inconsciencia da que era conveniente.

Vendo isto, non deixa de ter graza (aínda que maldita a graza que ten) que aqueles que, malia ser republicanos e por puro pragmatismo e convencemento nos declaramos juancarlistas nalgún momento esteamos indicando agora que non somos alá moi partidarios dun presidente da república que poida ser membro dun partido, de calquera partido, ó ver como vemos a omnipotencia que a esta partitocracia presta ós líderes de cada un deles empuxándoos á defensa dos intereses do propio partido por enriba dos da cidadanía... que deberan ser os que guiaran o seu labor de servidores públicos. Da medo pensalo. Máis ó contemplar a mediocridade xeneralizada da clase política actual. A figura dun rei coas responsabilidades que exerce o actual é ben menos perigosa. Nin sequera un discurso como o pronunciado con respecto ó problema catalán tivo a metade de efectos negativos que calquera das moitas actuacións da oposición, durante a primeira parte da pandemia, ou dos trastabilleos dados polo goberno na persecución dese virus cabrón que tantas xentes levou e segue a levar. Imaxinémonos esa xefatura do Estado, dotada con poderes dos que non disfruta El Rei.

Por iso segue sendo válido aquilo que nos recordou o hoxe tan deostado Felipe González (e con non pouca razón): Gato branco ou gato negro? O que importa é que mure ben, que pille ratos e os espante, manténdoos arredados e lonxe do millo e do centeo. Sendo unha cuestión sempre palpitante a da monarquía non é hoxe a primordial. Primeiro haberá que dar cabo da pandemia; logo, pouco a pouco e con tino, ir introducindo na Constitución do 78 as emendas que os novos tempos levan anos reclamando. Non son poucas e os lectores habituais recordarán cando menos algunhas das que eiquí xa se levan exposto e semella inútil repetir. 

Todo elo sen deixar de ter en conta que os responsables do que os tempos que veñen nos han facer considerar inclúennos a todos nós. Todos imos no lote, non só os políticos. As causas son certamente estruturais e haberá que afrontar reformas no futuro, claro que sí. Se sobran políticos e asesores, reduzamos o seu número. Se abonda coas nacionalidades históricas, reduzamos o número das que non o sexan, non de todas, pero si de non poucas delas. Se a monarquía non funciona, vexamos de reparar esa avaría logo de ter ben diagnosticado tal instrumento, facéndoo arredados de sentimentos e de emocións, sometidos tan só ó uso da razón, nunca levados de emocións e de fervores que cesan cando o fan os himnos patrióticos e xorde a necesidade de reflexión. Seremos quen de afrontar tales reformas sen asumir a parte de responsabilidade colectiva que nos compete? Velaí a cerna da cuestión. 
"O pobo e quen máis ordena" cantou Zé Afonso cando a revolución dos caraveis. Portugal está a dar hoxe un exemplo envexable de como atallaron a crise económica, da que non deberamos esquecernos, e de como o seu goberno e maila súa oposición levan afrontado estoutra da pandemia. Seguro que non foi a forza de irreflexión, nin de sentimentos exaltados, ou de ter convertido a militancia política pouco menos que nunha relixión.