Opinión

Inconvintes e incontrintas da vida campestre

Hoxe é un día deses aciagos no que os da aldea permanecemos illados do que Juan de Mairena, dono que foi dunha innegable sorna morna, definiu como "los eventos consuetudinarios que acontecen en la rúa" pois houbo un tempo no que a xente, algunha xente, falaba así. Logo viñeron outros nos que "los niños bien de la calle de Serrano" afirmaban, sen que ningún rubor se lles instalara nas meixelas, que valía máis volátil e cavidade metacarpiana que cadrado de dez flutuando polo espazo; en resume, que estas cousas sempre pasaron "en la calle".

Sempre que alguén me indica como son quen sen pasar tantos días sen saír da casa lendo ou contemplado o alto paso das nubes, o lento medrar da herba ou o florecer dos magnolios, adoito responderlle que pola mañá cedo, cando me levanto e algo xa non fai tanto como antes, teño varios xornais agardando por min pra que os lea mentres bebo un café con leite; un café que a esta altura dos meus anos é descafeinado e un leite que non ten lactosa, carece de nata e está total e completamente desprovisto daqueles sabores que antes tiña, cando o podías beber sen saír da corte, morniño e oloroso, recen muxida a vaca por unha man, ancestral e sabia, tal e como alguén fixera no comezo dos tempos e logo llo aprendera a outros de que ía a cousa e que millor habería ser que non o esquecesen nunca. Así se me van a min os días.

Outras veces outeo os ceos e vexo o voo rápido das anduriñas, ou o pairar dos miñatos, mentres axexan a súa mantenza ou a das súas crías, ou me entreteño eu cos meus cans, mentres me axexan con ollos cheos e expectantes, atentos ó que eu lles digo, e que algunhas veces mesmo se diría que o entenden; logo métome na casa e, por se non me chegou cos xornais, conéctome á Internet e habito o mundo a través dela; leo os correos electrónicos, respóndolles ós que houberen menester e, chegado o caso, leo os wasaps e outras desas lideiras que o progreso puxo ó noso acado pra que fixeramos bo uso delas.

Sen embargo hoxe é un día aciago, según lles anunciei aí enriba. Alguén levoume os xornais. Estou desconectado da Internet de xeito que nin o móbil, nin o ordenador me traen nin o correo-e, nin tampouco as caralladas habituais no “guasá”, o que non ten guasa ningunha se se me permite botar man dun casticismo madrileño tan arredado do enxebrismo no que tantas veces me deleito.

Quédanme a radio e maila televisión. Sei, grazas a ese fenómeno televisivo (no sentido máis etimolóxico do término) que é o García Ferreras, alguén que é de tratar ó mundo da política coa urxencia da retransmisión dun evento deportivo, dunha final da liga de campións ou de cousa semellante, pois tan á presa fala, tan inquedo se mostra, chantado na súa cadeira, mentres se abanea dun lado pra outro, coma se andase a contraer as nádegas de xeito alternativo, sei por el, dicíalles, que o xefe do PP apartou a Alfonso Alonso das listas do seu partido prás vindeiras eleccións vascas. San Benitiño de Lérez, que disque é santo milagreiro, moito máis que o de Paredes, moito menos que o d'A Barreira, o faga millor eiquí. Non sei a que santo se encomendaría o señor Alonso, pero sospeito que o señor Casado debeulle consultar a algunha diablesa (non hai equivalente feminino claro en galego) porque teño a sospeita de que fraco favor é o que lle acaba de lle facer ó PP de Euzkadi quitando a Alonso pra poñer un músico.

Así que confiemos os galegos, en calquera dos moitos sambenitos nos que nos recoñecemos, en que o señor Casado non lle impoña ó noso (e seu) señor Feijoo ningún deputado en razón dese inútil pacto con Ciudadanos ou calquera outro emboscado de Vox -case que diría que “envoxcado”, disimúlenme o chistiño, pero é que haber hainos- que, ó longo da vindeira e xa próxima lexislatura, ese deputado ou deputada tivera na súa man a chave da gobernabilidade de Galicia. Esa única presenza faría fuxir moitos votos e faríalle perder as eleccións ó PPdeG según eu, que como é sabido son de pensamento algo atravesado, moito me temo que sucedería. 

Así que a ver se Feijoo lle leva o pulso e se, con tempo e con discordancias tantas, xurde o PP que se agacha en figuras coma a de Alonso e Feijoo, xunto con tantos outros, pois ó país xa lle vai sendo moito horas de contar cunha dereita acorde con estes e non con outros e pasados tempos que a "entente cordiale", do PP con Cs e máis con Vox, tanto está axudando a facer presentes.

A vida élles así. Esta arredada vida, lonxe do mundanal ruído, mentres un segue a agachada senda dos poucos sabios que no mundo teñen sido, sen que se lles avolte o peito... en fin sigan vostedes co "beatus ille..." na tradución de frei Luis de León, que a min pódeme caer algunha bágoa solta.

Esta arredada e campestre vida tenlles estes inconvintes e incontrintas (antano coñecidos como inconvenientes) da incomunicación co exterior; máis agora, nestes tempos, nos que non ollas pró ceo, a fin de deducir que día vai facer mañá, senón que onde dirixes a túa ollada é á pantalliña do teu teléfono móbil na que os acertos nos seus prognósticos é certamente elevada. 

Eu, que debo ser algo acomodaticio, adoito ollar primeiro ó ceo, deducir acto seguido a dirección do vento, ver se hai nimbos humilis no ceo, se son cirros ou se son cúmulos, as nubes que van e veñen, e, se teño un barógrafo e máis un termómetro a man, imaxinarme un diagrama de Gachons intentando saber como se debuxan nel ambas variables pra saber que tempo é o que nos ven pola proa. 

Son vellos recursos non dun vello mariño, pero si dun vello que o foi na súa primeira madurez e que nunca esqueceu o arte de navegar polo mar, xa que moito non aprendeu a facelo pola vida. Pero xa o advertiu o clásico. Vivir non é necesario, navegar si o que o é. Tomen nota delo os máis desprevenidos.

Te puede interesar