Opinión

Ministro, fágallo mirar

Hai uns anos, ignoro a súa magnitude actual, o 2% do PIB español debíase ó mundo do libro; é dicir, ós autores, en primeiro lugar. Sen eles nin os editores, nin os seus traballadores, tampouco os libreiros ou mesmo os intermediarios, os distribuidores de libros, e todo canto xira arredor e como consecuencia dese feito inicial da súa creación, teñen razón de ser.

Seguro que hai editores multimillonarios. Tan certo como que os máis deles non o son ou deixaron de selo. Mesmo que moitos deles sobreviven, mal que ben, grazas ó seu traballo; o que igual cabe dicir daqueles que traballan nas súas empresas, e que, isto que se di, é extensible ás cadeas de librerías ó tempo que os máis dos libreiros e distribuidores de libros. Entón a pregunta cal é? Pois a de cantos creadores literarios viven dese seu traballo, a partires do que depende ese dous por cento do produto interior bruto español. A resposta da pra chorar un pouco. O mesmo sucede cos creadores das outras disciplinas artísticas, diríase que unha por unha.

Por iso estrañan tanto os comentarios a este respecto feitos polo actual ministro de Cultura do Goberno central. Producen pasmo. Os tempos son duros, certamente, pero moito máis duros se comprobamos que, tanto a explotación do home polo home, como a lóxica do máximo beneficio a conta do que sexa, non hai tanto tempo consideradas coma unha verdadeira abominación, se estean tornando en todas partes en bases da democracia e máis da liberdade. Había ben anos, máis de corenta, que os dereitos dos traballadores non eran tan pouco respectados. E ó que lle proa tal consideración fará ben en rascarse. Compártoa coa Elena Ferrante, que así explica o que unha vez máis está pasando na derradeira entrega da tetraloxía da que falamos eiquí hai xa uns cantos días.

O mundo está cambiando moito. O do ministro madrileño é pra convidalo a que se o faga mirar e, pola nosa banda, a pretensión de que sexa o Camiño de Santiago o eixo vertebrador non só da nosa entidade cultural senón mesmo do noso tecido industrial é algo que semella un disparate ou gañas de marear ó persoal. Debe ser que un xa vai vello e que calquera cousa o atemoriza.

O caso certo é que a perspectiva dun capitalismo de estado coma o dos chineses ou o seu equivalente dun mundo construído a trumpicazos -se non lles prace o término: de trompicóns en salvas sexan as partes e os recipendarios dun exacerbado capitalismo neoliberal- aplicados a base de inxeccións de lixivia e grolos de deterxente, por dicilo de xeito metafórico e non ter que botar man de expresións máis contundentes coas que aludir á política de Trump sen ter que mencionalo, todo elo, é como pra lle meter o medo no corpo a calquera ben nacido. Se non traballamos polo mundo que herdamos, pola cultura que nos identifica, por quen imos facelo?

Te puede interesar