Opinión

Ese puritanismo hipócrita e algo cabrón

A moitos antollaráselle un alarde necesario, porén outros considerarano superfluo e por completo gratuíto. Estamos a nos referir ó tratamento dispensado á coroación do novo rei do Reino Unido da Gran Bretaña que cando menos merecerá ser cualificado de insólito e desproporcionado. Afortunadamente reis hailles non moitos, adoitan ser lonxevos e os termos de comparación resultan máis ben escasos. Así que, sen saber ben en que pataqueira nos metemos, prosigamos.

Tan ampla e intensa reportaxe, tan longos espazos foron dedicados ó evento. Sucedeu nas distintas cadeas españolas de televisión -e dun xeito moi significativo nas cadeas de responsabilidade pública- que agora nos van permitir unha pequena divagación ó respecto. As funcións excesivamente teatrais, diríase delas que case sempre cargadas dunha sobreactuación, desenvolvidas nos distintos espazos, a parafernalia aplicada á escenografía, a riqueza do vestiario, o comportamento escénico dos actores principais, mesmo algúns comentarios dos cronistas de sociedade no que derivaron non poucos dos considerados analistas políticos, merécennos, malia que sexa botando man de outros unha pequena reflexión ó respecto.

 Non se xuraría que as dúas coroacións que nos leva deparado a democracia española teñan desfrutado de idéntica atención que a tan recente de Carlos III e maila súa señora, agora tamén raíña coroada. Por iso sería bo coñecer o que pensan ou pensaron os responsables das decisións tomadas nos seus respectivos momentos. Pasáronse os ingleses ou foi que fomos nós os que non chegamos? 

A maiores, o finado duque de Edimburgo, que eu recorde, non foi coroado á par da súa señora, a tamén extinta raíña Isabel II, nin sequera considerado rei consorte; non se sabe se con moita ou con pouca sorte, pero así son as cousas e así as recordamos. Eiquí algo segue pasando. Sería moito e de moito agradecer que alguén nos pillase esa mosca polo rabo. Por que razón a Camila si e o Felipe non? Dito así, se me permiten o pareado á par deste alarde de confianza propio do plebeo que son sen que me pese en absoluto. O certo é que tanta atención deparada ó real acontecemento puidera ter resultado excesiva, de modo e maneira contrarios ó posiblemente pensado polos argallantes e os que estableceron os protocolos ós efectos. 

Jonatham Swift, o revoltoso clérigo dublinés da quinta do 1667, expresou a súa convicción de que moi a miúdo, demasiado moi a miúdo, estamos afeitos a afirmar que os reis teñen as mans longas; pero que oxalá se puidera dicir tamén deles que dispuxesen de orellas longas; o que non é realmente aplicable ó caso do novo rei, nin moito menos. Iso é así se do que falamos é das orellas, ignoro que pasaría se o tema de investigación se referira á lonxitude manual dos afectados. 

O que si pode ser debidamente recordado e o que o irlandés algo revoltado que sempre foi mister Swift, andaría a cismar no canto de se por a escribir que ó longo da súa nenez, adolescencia e xuventude, os príncipes amosan inxenio e facetas prodixiosas e mesmo din cousas que sorprenden e abraian. Resulta estraño, teimaba o clérigo no escrito do que nós estamos a botar man, que haxa tantos príncipes esperanzadores e tantos reis vergonzantes. Se morren sendo mozos serán prodixios de sabedoría e virtude conxuntadas; se viven máis o máis frecuente é que se convertan en prodixios, pero doutro tipo. Mauricio Bach de cuxa tradución estou botando man pra vertela á nosa fala, a anosala como diría o recordado Darío Xoán Cabana, escribiu “vergonzantes” pero vou suxerir que nós, agora, o entendamos como vergonzosos, que ven sendo o termo que lle acae ben a máis dunha monarquía europea pois non se debe pensar que só nos corresponde a nós considerar a nosa de tal xeito. A maiores o noso monarca actual non se sabe se porque aínda é novo ou se porque realmente o comportamento mantido deica hoxe ha perdurar todo ó longo do seu reinado nun comportamento que non é vergonzoso nin moitos menos.

Vendo o que vimos, poderemos pensar que os nosos fastos, os aplicados ás nosas cerimonias civís, son máis ben modestos e mesmo que non é como, en tantas oportunidades, damos en valorar ós nosos gobernantes á vista dos seus desprazamentos, gastos, soldos e demais luxos. Acaso deberiamos valorar pequenos detalles como os que os que parecen ser os emolumentos anuais dun arbitro de primeira división: trescentos e pico mil euros que comparados co soldo dun presidente do goberno central algo nos terán que facer pensar. Digo eu.

É indubidable que o sucedido en Londres co gallo da coroación pode ser unha referencia estrema que, porén, nos pode inducir a pensar que estamos sendo afectados dun puritanismo hipócrita e algo cabrón que pode acabar por resultar esterilizante da normal convivencia cidadá. Entre as aventuras léxicas nas que andamos embarcados ata o despilfarro de tempo que supón tanto farragoso parladoiro radiofónico ou televisivo nos que verdadeiros trogloditas discursean a cerca do bo e do malo dos seus adversarios políticos de xeito que se pode acabar pensando que eiquí nindios se salva, nin os de esquerdas na opinión dos da dereita, pero tampouco os de dereitas na que sustentan os de esquerdas. Vai resultar que eiquí so acertamos cando nos equivocamos e imos acabar por nolo crer a pé feito; a pé feito, que ven sendo un dos xeitos de facelo a partires de Trento, dese Trento que nos afixo a crer relegando a aprendizaxe de aprender a razoar. Seguimos crendo o argumento de autoridade –da autoridade de dereitas prós de tal corda e da autoridade de esquerdas prá os do mesmo pau, naturalmente- permanecemos fieis ás retóricas correspondentes e á obrigada especulación intelectual que tantos nos apaixona ós máis de nós. Falamos cos sentimentos máis que con razoamentos e cada un de nós leva dentro súa un pétreo savonarola amigo de colgar pedras de muiño dos pescozos dos contrarios. E así non lles hai xeito ningún de que o sentido común permaneza e trunfe.

Te puede interesar