Opinión

Por que desconfío dos intelectuais

Élles de sospeitar que nestas definitivas semanas do ano polas que transitamos (Breogán saberá cara onde) volva ser utilizada a palabra intelectual cunha prodigalidade que a non poucos se nos antolla tóxica. Confeso que me inclúo nesa nómina, tan mal considerada, dos que renegan dela; mais que dela, que non ven sendo o caso, da pertenza á clase merecedora dese título, que ise si que lles é o meu caso.

Non son un intelectual, que lle imos facer, sonlles un escritor. Desta condición de escritor, non vai ser que ninguén me apee. Medio cento de libros escritos por min e máis duns vinte mil artigos por min asinados, que xa levo publicados, avalan tal condición; é máis, ninguén, nin sequera un SLG (os do gremio xa me entenden e saben ó que me refiro) me poderán excretar de todo do ámbito desa condición contida na expresión escritor galego. Aí lles queda.

Porén si poderán e mesmo deberán excluírme da de intelectual por moito que a miña sinatura figurase, nalgunha que outra oportunidade, baixo o titular correspondente. Que agora se me veña á cabeza, facéndoo a conto do que levo escrito neste noso encontro semanal de hoxe, foilles unha de hai tantos anos que xa poucos han recordar a data. Así que aí vou eu recordalo:

Domingo García-Sabell xogou, no seu tempo, o mesmo papel que pode que estea xogando hoxe Darío Villanueva: o de ser o intelectual de nós máis exportable a outros ámbitos culturais do mundo internacional. Non é o caso de quen foi director da RAE e quizais por iso estea a salvo; pero García-Sabell si que incorreu nese eido perigoso que, a política de finais do século pasado, requiriu de non poucos dos nosos homes da cultura. Como consecuencia delo padeceu unha persecución, digámoslle que algo descontrolada, na prensa daqueles días. Tanta foi que un grupo de amigos, vinteoito exactamente, asinamos un escrito no que expresamos a nosa convicción de que Domingo era unha persoa cabal, seria e responsable, quen de facer unha obra perdurable e de nos representar ós galegos con dignidade no estranxeiro, tanto no de fóra como no de dentro, se me deixan utilizar unhas denominacións que eran do gusto do meu pai. Así ou máis ou menos así foi o que asinamos os vinteoito primeiros asinantes sen mentar pra nada a súa condición de presidente da RAG ó tempo que o de delgado do goberno central no antigo reino de Galicia.

Dixen 28 e fomos 29 os asinantes do escrito que figuramos baixo o márchamo de intelectuais. No derradeiro momento chamoume Casares pra me comentar que Fulano de Tal acababa de chamalo pedíndolle figurar na nómina dos asinantes. E así figurou ó día seguinte. Fíxoo ó mesmo tempo que, noutra páxina, aseguraba que fora por unha presión recibida polo que o seu nome figuraba entre os demais. Repenicar e andar na procesión chamáselle a esa figura. Dende entón desconfiei sempre desa condición de intelectuais coa que se nos cualificou daquela. Con todo, a partires da publicación do noso escrito, cesou a campaña contra García-Sabell. E alá están con el, no mundo da verdade, que diría o meu pai, Piñeiro e Casares, Sixto e outros máis e algúns que aínda os sobrevivimos, eu entre eles, malia que no meu caso renegando da condición de intelectual tan socorrida polo vixésimo noveno dos asinantes. Agora tornan os tempos dos intelectuais embaixo asinantes. Mala cousa.

Te puede interesar