Opinión

Sánchez e Casado collidiños da man

Sempre estiven de acordo co que dixo Goethe. Non con todo. Faltaría máis. Pero si con moitas das cousas que deixou escritas. Por exemplo con aquela súa certeza de considerar coma “ditoso aquel que se pecha ó mundo sen odio...” Quizais esta miña aceptación da expresión goethiana derive do feito de que sempre tendín á soidade, a ese se pechar un ó mundo que o rodea e que aí mas dean todas.

Cando vivín na rúa do Progreso era un neno o máis do tempo so; cando estiven interno souben tamén o que era estar arredado de todo ámbito familiar; logo, cando naveguei xa me dirán que podía pensar eu do mundo, ocupado que estaba este polo que os mariños chamabamos (algo despectivamente) “terrícolas” e agora, nos pasados trinta anos que levo vivindo na casa dende a que lles escribo, o máis do meu tempo transcorreu e transcorre en soidade.

A pregunta que me aboia, conste que sen me corroer en absoluto, é a de que me pasaría de me ver forzado a lle abrir a miña alma ó mundo no caso de que o meu corazón albergase odio. Sería entón un desgraciado? Un desgraciado aínda maior que aquel que se pecha ó mundo e ten o seu corazón ocupado polo odio? En que consiste a dita?

Os anos vante aprendendo que o odio non aboia con máis forza cando nace xustificado. Faino, con moita máis intensidade, cando sentilo non implica maior risco ou nas que mesmo pode acarrear vantaxes, cando non honores e beneficios. Ou tal e se ben o recordo é o que argumentaba Schnitzler, o neurólogo e escritor amigo de Freud, os dous tan bos coñecedores da alma humana.

Se un se fixa un pouco, ó pouco de que o faga, decatarase de que os maiores e máis crueis odiadores ampáranse sempre no grupo. Son eses seres, ós que adoito chamamos fanáticos, fieis e duros aplicadores da doutrina, sexa esta a que sexa, de esquerdas, de dereitas e mesmo tan só de si mesmos. Fano de xeito que, no nome de quen corresponda, poidan torturar, roubar, follar, asasinar ou simplemente maltratar, todo con tal de ir gañando puntos e escalando postos.

Se teño bos lectores, que sen dubida algún bo terei, e se leron “María das Batallas”, o que xa se pode someter a maior cantidade delas, de dúbidas, como non podería ser doutro xeito, e se teñen boa memoria, o que xa é moito desexar, recordarán que no capítulo correspondente ós sucesos dun domingo, 7 de maio do 1589, faise unha gran loubanza do odio sinalándoo coma motor da historia.

Ese día, as mulleres da Pescadería d’A Coruña ás que os ingleses de Drake deixaron viúvas de cinco centos de mariñeiros, abatidos o véspera durante o primeiro ataque á cidade nova, esas mulleres incitadas polo odio, movidas por el e máis polo rancor, fanlle fronte ós invasores ata dar conta deles e poñelos en fuga. Entón “o odio é un raio reflectido polo espello de cada conciencia individual ata que, a forza de rebotar en mil espellos, compón unha estraña luminosidade colectiva”, dise nese capítulo pra expresar o sentimento de odio acumulado polas viúvas. “Nese momento auroral non se ve máis luz ca esa luz. A partires dese instante todo conclúe ou todo nace. Non doutro xeito ningún se gañan as batallas, aínda menos as guerras”, afirmase nun dos parágrafos do capítulo citado.

Coido que non terei que disculparme pola longa autocita. O odio como sentimento persoal é denostable, pero en determinadas oportunidade é necesario como sentimento colectivo. Ningún xeneral arengou nunca ás súas tropas convocándoas ó amor polo inimigo. Se acaso, botará man, como primeira medida, dos sentimentos de afecto cara ó seu propio territorio, dos amores da súa tropa cara as súas familias ou as súas mulleres; cara ós seus costumes e tradicións, á súa patria e mesmo á súa matria -como se refería e ela Blanco Amor e volve facelo agora Yolanda Díaz- pero logo ten que xerar forza, a forza que o odio xenera, pra se dirixir ó combate.

O problema é que nos exércitos inimigos sucede exactamente o mesmo e que, de se tratar dunha invasión, esta ven determinada polo amor ós seus e ás súas patrias respectivas e axiña estes sentimentos han ser exacerbados pola incitación ó odio sentido contra aqueles que impidan a expansión.

Solución? Non sei se haberá algunha. Probablemente se trate da condición humana e isto suceda así mesmo dentro das mesmas sociedades, desas sociedades nas que ninguén se pon de acordo e uns dín e proclaman que arre, mentres outros proclaman e din que xó. Neses momentos tamén nace o odio, tamén aboia esa luz e vai, de espello en espello individual, ata cegar calquera e necesaria visión da realidade xeito que a historia avance ou retroceda.

A pregunta é se ten que ser necesaria e inevitablemente así. A resposta desexable é a de desterrar o odio individual, un a un e de un en un, de un en un de cada un de nós, a fin de facer imposible o enfrontamento colectivo causado, nunha e noutra medida, pola suma de odios encontrados. Alguén se imaxina, diante dunha catástrofe coma a padecida nestes días na Alemaña, ós nosos dous líderes políticos collidiños da man, mentres contemplan o desastre ó recorrer unha das zonas afectadas, tal e como puidemos contemplar ás dúas lideresas alemanas, a Angela Merkel e á lider da súa oposición, collidas da man, recorrendo os lugares das inundacións, conscientes dos dous centos de vítimas causadas polo estrago. Pois eiquí xa levamos bastantes miles delas causadas pola covid e non se lles ve o xeito.

Te puede interesar