Opinión

A ALGARABÍA DAS BURGAS

'O único sentido íntimo das cousas/


É elas não terem sentido íntimo nenhum',


O guardador de rebanhos,


Alberto Caeiro -heterónimo de F. Pessoa-)




Omalestar que durante tanto tempo nos causou a curia dos partidos políticos 'reinantes', asistida por determinados medios de comunicación do sistema, co perverso obxectivo de facer de nós un pandeiro, acabou nunha doenza que xa deixou de ser bronquite crónica para trocarse nun cancro social difícil de atallar. Todos -agás eles, os que sempre mangonearon o cotarro- estamos á espreita, agardando impacientes que a afiliación partidaria deixe de ser freguesía pasiva e active o antídoto que mude radicalmente as vixentes estruturas organizativas e os seus principais referentes, a fin de exterminar -politicamente- as carrachas tumorais que tanto mal lle teñen feito á Política nos últimos anos.


Unha das incontables mostras desa política falmaguenta está acontecendo, en vivo e en directo, no concello de Ourense, onde o proceder do corpo edilicio é tan pouco decoroso e tan tabernícola que, se non for porque a veciñanza aínda conserva certo sentidiño, acabaría confundindo o número un da Praza Maior cunha especie de orchestra na que un grupo de tarambainas gasta a xornada laboral en representar unha farsa de tan exigua calidade que nin sequera merecen o aplauso da súa propia claque.


Talvez, no canto de falar de farsa, sexa máis acaído empregar o cualificativo de traxicomedia, para poder comprender como a estulticia das mil e unha noites -ou faccións- do partido gobernante, mesturada coa asneira de todos e cada un dos grupos da oposición, produce unha estraña sinfonía entre xéneros teatrais antagónicos, que mesmo chega a alcanzar puntos álxidos nun ambiente atufado onde, grazas ao encerellamento dos protagonistas, o grotesco, a risa e o tráxico conviven con absoluta naturalidade, furtándolle ao respectable público o dereito de arrepiarse ante o fatal desenlace, a piques de enfiar esta cidade Miño abaixo, sen albiscar un horizonte no que alguén se decate que, cando a auga chega ao pescozo, é posible ver como a vítima se afoga sen remedio.


Ah! O iluso do meu tío Lisardo comeza a estar impaciente, agardando a que algún dos vinte e sete munícipes teña a atinada ocorrencia -ou ousadía- de aproveitar este crepúsculo perdurable para saír do guión e provocar na cidadanía unha miga de esperanza, que lle permita comprender como, a pesar dos pesares, aínda é posible atopar algún que outro político sensato, capaz de ensinarnos que, por riba das consignas dos partidos, está o respecto aos cidadáns. A ver se non tarda en chegar o día no que os partidos elixan aos candidatos e os cidadáns aos representantes, para que iso das listas abertas en espazos electorais de proximidade comece a compatibilizar a nobreza de militar partidariamente coa dignidade de representar á veciñanza.

Te puede interesar