Opinión

Antollo e o xurelo guisado (relato)

Opinión

Antollo e o xurelo guisado (relato)

“Desconcertado polo golpe, o porco berra de dor e, asustado, afástase para ir refuxiarse na escuridade da estancia.” 
(Un lume azul, Pedro Feijoo).

Foi a súa propia nai a que lle puxo o alcume de Antollo. Dende entón nin os da xente nin os de fóra lle chaman polo seu nome auténtico. O de Antonio é para os documentos oficiais. A señora Remedios deulle en chamar así, Antollo, ao constatar que era imposíbel arrincarlle dos miolos –e das papilas gustativas- esa manía enfermiza e teimuda que tanto o enfurece cando tarda en ver cumpridos os seus caprichosos, ás veces estrambóticos e sempre incomprensíbeis. Mira como é o fulano que, durante a longa noite do confinamento, non facía outra cousa que non fose atormentar á coitada da nai, esixíndolle experimentos culinarios de larpeiradas que atopaba en internet.

E, o mamón aínda segue. Sen ir máis lonxe, hai cousa dunha semana, xa imbuídos nesta anormal normalidade, encaprichouse dunha receita de xurelos guisados e púxose a teimar coa señora Remedios, ata obrigala a  cumprirlle o antollo. 
-Se queres que chos cociñe, vai mercar os xurelos. Eu non vou aínda que me arrastren!
Ao ver que a nai non daba o brazo a torcer arrincou cara a peixería. Ao chegar sorprendeuse non tanto por ver cinco clientes na cola, senón por avistar un único xurelo no mostrador. Entón veulle á cachola a ocorrencia do preguiceiro.
-Bo día! –exclamou o fulano, camiñando apurado por diante do mostrador.
-Moi boas, cabaleiro –terzou a peixeira.
-Desculpe, señora. Mais o saúdo non era para vostede, era para ese xurelo que, despois de cruzarnos a mirada toda a semana, xa temos algo de confianza.
Tres fóronse esfumando discretamente e as outras dúas mulleres da cola, cada vez que miraban cara o xurelo puñan cara de noxo. Visto o visto non tardou en tocarlle a quenda ao Antollo.
-Póñame ese xurelo que ao parecer non quere ninguén.
-Téñolle outro máis frescos na cámara. Agora mesmo lle traio.
-Moi amábel, moitas grazas!
O Antollo marchou contento como un cuco. Ao chegar á casa contoulle á nai o que lle acontecera. Ela colleu o xurelo, miroulle os ollos e as branquias e, despois de cheiralo, puxo unha cara de repugnancia que aínda lle dura arestora. 
-Pois podes estar alegre, ho! Botáronche ao lombo un xurelo a piques de criar vareixas, e nin sequera o notaches malia non levar albarda.
-Que albarda nin que albarda?!
-Pois a que lle poñen no carrelo aos burros para que a carga lle sexa máis levadeira. Lapón, que es un lapón!
 

(O meu tío Lisardo sente unha mágoa inmensa polos pillabáns que van pola vida de listos, pretendendo amolar aos demais. Máis pronto que tarde acaban cos fociños escaldados.)