Opinión

FRANCISCO RAPELA GÓMEZ, VOTOU!

Un amigo contoume o que lle aconteceu a un veciño o día das eleccións ao Parlamento galego. A iso das seis da tarde do día de autos, un dos interventores do Partido Amarelo, ao ver aparecer a dous colegas pola porta da vella escola de Lamardeiro, ergueuse deseguida e achegándose a eles púxoos en antecedentes, advertíndolle que un dos que aínda non aparecera polo local das votacións era o Paco Cabreiro, que responde legalmente por Francisco Rapela Gómez.


Os dous comisarios políticos informáronse por un propio que vixiaba as inmediacións do colexio electoral de que o tal Paco andaba coas ovellas no monte, nun eido da Poula de Fóra.


Os elementos de marras colleron o andante cara a Poula de Fóra e non tardaron en avistar ao paxaro que pretendían pillar, acompañado dun cadelo que non deixaba de ladrarlle e dun pequeno rabaño de sete ovellas, dúas cabras, dous años, unha cabritiña e un carneiro mocho que pacían tranquilamente, coma se a cousa non fose con eles, a pesar dos ladros do can e do ruído do coche que se aproximaba ao lugar.


Saudaron efusivamente ao pastor e convencérono de que tiña que ir votar antes de que fose demasiado tarde. Paco, como non podía ser doutro xeito, púxolles a condición de que, mentres el se ausentaba, alguén debería gardarlle as ovellas. En cousa de segundos os visitantes acordaron que o substituto do Cabreiro tiña ser o acompañante do condutor.


O que ía quedar coas ovellas entregoulle ao cliente o sobre do Partido Amarelo, mentres o do coche observaba como o gardaba pausadamente no peto da chaqueta.


Xa dentro do local electoral e despois dos trámites habituais, a presidenta da mesa -unha rapariga loira con pinta de ter durmido pouco a noite anterior- pronunciou a frase que levaba repetindo todo o día: Francisco Rapela Gómez, votou!


Ao saír, o escolta electoral convidou a Paco a tomar un vaso na taberna do Xerelo, situada preto do lugar das votacións. O convite non foi por quedar ben co seu acompañante senón por presumir diante dos adversarios de que o Paco Cabreiro era un dos seus incondicionais e non un deses que vai cos da feira e vén cos do mercado.


Despois de trasladar o pastor ao seu sitio, o tipo do coche fartouse de aturar as queixas do socio polo traballo que lle dera o rabaño. Mais cando estivo a piques de sufrir un infarto foi cando o colega lle relatou que finalmente Paco votara para outro partido. Na viaxe de regreso, ao mirar cara o acompañante, detectou que o sobre do Partido Amarelo seguía no mesmo peto da chaqueta onde o metera cando o recibiu. E foi daquela cando o parvo do chofer se decatou de que o cliente lle entregara á Presidenta outro sobre que levaba gardado no peto dos pantalóns.


Ah! Cando lle contei o caso ao meu tío Lisardo, contestoume que un tipo de ideas coma paco non muda de parecer simplemente porque un fulano traxado lle garde as ovellas mentres vai votar e outro o leve en coche ata o lugar das votacións.

Te puede interesar