Opinión

O INZAMENTO DAS TRÉCOLAS

'Cada día sabemos máis e entendemos menos'


(Albert Einstein)




Querido sobriño: O primeiro que fixen ao advertir a tunda que nos dá o informe PISA, aos que temos unha idade comprendida entre os 16 e os 65 anos, foi indagar a data de nacemento do ministro Montoro, para constatar se por un casual podiamos contar coa presenza dun persoeiro tan agudo nese grupo de legos ao que teño a honra de pertencer. E, efectivamente, na Wikipedia aparece un sospeitoso, nado no ano 1950, titular dunha cátedra de Facenda pública, ministro de Hacienda y Administraciones Públicas do Goberno español, que ao mellor é o wally que andamos procurando. Polo tanto, se os da enciclopedia libre e máis eu pensamos na mesma xoia, temos o fado de contar con don Cristóbal Ricardo Montoro Romero entre os que nos custa barro e fariña comprender os xeroglíficos do recibo da luz, e entre os que pasamos verdadeiros apuros para ler as epístolas que, de cando en vez, nos remite esta eminencia da 'estulticia cuántica' aos malpocados contribuíntes.


Ao día seguinte de coñecermos o letal informe, o deputado Cayo Lara brindoulle ao tal das polainas a oportunidade de desmarcarse do resto dos indoutos cando lle preguntou ata onde estimaba o Goberno que seguirían minguando os salarios. O ministro fixo canto pudo por non lle levar a contraria ao PISA, respondéndolle sen pudor: 'Os salarios non baixan, medran moderadamente'. Só nos resta saber se a trapeleada deste portento é produto dun despiste alxébrico, por mor dun lapso do amanuense que lle escribe as prédicas, ou se pensa que, amais da nosa exigua sapiencia, tamén padecemos a doenza da parvidade.


O informe de marras seica pon en evidencia que todos os da miña quinta -entre os que figura malgre lui o señor Montoro- e outros moito máis novos ca nós, sabemos poucas matemáticas e interpretamos mal os textos. Sumamos mal, multiplicamos peor e, cando lemos, confundimos unha 'baca vella' cunha 'vaca bella'. Menos mal que un tal señor Wert está empeñado en salvarnos dese maldito naufraxio, coa única axuda dos seus, e pronto imos reflotar grazas á fabulosa Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa.


Ah! Para darlle no fociño aos do PISA, contamos tamén coa inestimable aquiescencia da insigne especialista en interpretación de textos -dona María Dolores (Cospedal)- autora da eximia diatriba, 'lo que es verdad es verdad y lo que es mentira es mentira', que acabará catapultando ao seu excolaborador, o trigonométrico Bárcenas, ao primeiro Nobel de matemáticas, pola súa pericia no manexo do 'me llevo' na táboa de multiplicar, 'ocho por diez ochenta, y me llevo cuarenta y ocho!'.


Moitos abrazos do teu tío que non te esquece. Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar