Opinión

OURENSE, SITIO DISTINTO

Querido tío: Dáme no corpo que isto non anda como é debido. Dígoo, por aquel vello refrán de que 'aos ricos párenlle os bois e aos pobres mórrenlle as vacas'. O outro día, sen ir máis lonxe, pola culpa da maldita radio do coche que non deixa de distraerme cada cando, levei un chasco de moito coidado. Ao fin e ao cabo, os anos non perdoan e, queiras que non, vannos minguando as facultades.


Eu ía distraído escoitando unha música nunha emisora e de súpeto un locutor, coa voz rouca, interrompeu a melodía e púxese a contar as peripecias dunha señora de Lugo que, escondida detrás dunhas gafas negras de montura clásica e con pinta de estudante aplicada, se atreveu a cambiar o calendario e mudar de data a festa de san Froilán para que no canto do 5 de outubro coincida coa onomástica de san Adelpreto de Arco.


E foi nese maldito instante, no que comezaba a enteirarme do que estaba pasando, cando espertei e vin en si, por mor da sirena dun coche verde que me adiantou a toda pastilla sen respectar nin raias contiguas nin rabos de gaitas, mentres un fulano uniformado, con cara de poucos amigos, me acenaba coa man sen paría, facéndome sinais para que me detivese de contado.


Xa fóra do carril da estrada, moi asustado, sen decatarme se eu fixera algo realmente grave, o axente de marras saudoume educadamente, pediume a documentación e despois reprendeume moi severamente, por ir circulando a setenta quilómetros por hora diante dunha sinal que prohibe circular a máis de cincuenta. Iso si, el adiantoume na raia contigua a máis de noventa e tantos.


Mentres o señor de verde cubría o formulario da denuncia, quíxenlle pedir explicacións pola súa falta de respecto ás normas con tal de facermas cumprir a min, e mesmo pretendín chamar a súa atención sobre un elemento que pasou coma un alustro nese mesmo instante. O axente tan estrito limitouse a advertirme que se pagaba pronto, no canto dos trescentos euros a cousa podía arranxarse coa metade. Pregunteille se o dos puntos tamén era ao cincuenta por cento e díxome que non tiña gañas de brincadeiras. Finalmente convidoume a que asinase a denuncia e fíxenme o avión.


Pois iso ou algo polo estilo é o caso Pokemon. Nin máis nin menos!


Ah! O alcalde dixo que non dimitía polo proceso aberto no xulgado nin por estar imputado, senón por falta de apoios. E a alcaldesa en funcións cesou ao xefe da policía por falta de apoios o por estar imputado?


Unha aperta do teu sobriño.

Te puede interesar