Opinión

SEGREDOS DE IBÉRICO CON CHUCRUT

Xa teño contado a conversa na que un portugués lle confesaba a outro que tiña un segredo moi grande. Mais, ao preguntarlle o seu interlocutor de que segredo se trataba, o compadre respondeulle con contundencia: 'se eu sou-besse que segredo tenho, já não seria segredo'.






Hai cousa dun mes, reuníronse ás escondidas os deputados pertencentes á coñecida Comisión de segredos oficiais. O motivo destas reunións segredas sempre é o mesmo: tratar información reservada sobre iso que lle chaman 'asuntos de Estado'.


A curiosidade e a ansia por 'cotillear' volve tolo a calquera, por moi señoría que sexa, e ante a oportunidade de coñecer segredos que os cidadáns deben ignorar, calquera é capaz de mandar ao nabo a súa obriga de defender a igualdade e á transparencia, cualidades que todos reclaman, monarca incluído, sempre e cando non lle afecte a eles mesmos, aos próximos por consanguinidade e aos que comparten mesa nas altas instancias.


As reunións desa curiosa comisión parlamentaria son sempre algo estrañas. As súas señorías, antes de entrar, fártanse de latricar ma non troppo do que van falar dentro, mais ao saír deben gardar -e gardan- segrego absoluto. Veñen sendo o contrario das que fan os cardeais para escolla do Papa. Antes do conclave todos negan o que saben, mais ao saír todos din que o elixido estaba predeterminado.


Para xustificar a última xuntanza da Comisión de segredos oficiais, elevaron á categoría de asunto de Estado as andanzas desa muller alemana que responde polo nome de Corinna (con dous enes). Os do CNI chámanlle Ingrid. As súas señorías andaban mosqueadas dende que esta Matahari xermana, totalmente descoñecida en Alemaña, foi pillada cazando paquidermos en compañía do noso monarca, desprazando a un segundo plano á outra alemana ?e xa van dúas- que nos trae polo camiño da amargura -a señora Merkel-, dende entón moito menos coñecida en España. Viva a farándula!


Ah! O meu tío Lisardo coida que as súas señorías e os seus compadres tertulianos andan un pouco despistados. Gastan o tempo latricando, sen enteirarse dos 'favores' que lle prestou a froila deutsche ao Estado e ás súas altas instancias, e perden o cu por saber se traballou de balde ou se cobrou algo a cambio. Critican que unha vendedora de chucrut lle organizase a lúa de mel ao irmán da infanta imputada e que lle buscase traballo ao pródigo xenro do monarca, mais non son capaces de instar unha reunión desa comisión de marrras para que alguén explique, sen que ninguén o saiba, como como pode ser posible que un avogado dos Països Cataláns se encarga de defensa da filla do rei de España. E de paso, xa podían reclamarlle a Miquel Roca que, por moi catalán que sexa, a cambio de tanta publicidade que non hai cartos que a paguen, ben podía levarnos este preito de balde.

Te puede interesar