Opinión

A VACINA AMERICANA

Segundo a última sondaxe do CIS, o 81% dos españois confesa ter pouca ou ningunha confianza en Rajoy e o 88% confesa ter pouca ou ningunha confianza en Rubalcaba.




Hai uns días recibín carta do meu tío Lisardo e teño novidades. Ao parecer, no Pentágono andan adoecidos pola situación política de España e están a piques de aplicarnos un anticorrosivo de eficacia incalculable. Trátase dunha vacina que se lle inxecta ás cúpulas da clase política dominante, nesa parte do corpo onde o lombo perde o nome. O anticorpo en cuestión ataca directamente ao virus 'aquí-non-se-dimite-nin-pa-diós' e cáusalle tal proído nas súas partes, se o doente ocupa algún cargo ?institucional ou orgánico- que é incapaz de pousar as nádegas nunha cadeira, ata que apareza o seu nome na sección de ceses do boletín oficial. O remedio xa se aplica con éxito en Alemaña, nomeadamente aos cargos que plaxian teses doutorais; até o punto de que o outro día unha señora ministra, coa présa de dimitir, nin sequera se acordou de recoller a foto da familia que adornaba a mesa do seu exdespacho.


O meu tío sábeo de boa tinta, porque quen lle deu o sopro foi unha moza do pepé, de aquí de Ourense, que traballa de janitor na Casa Branca, e que gañara o posto por mor das xestións que lle fixera un que fora xefe do seu partido, grazas ás boas relacións que este establecera cun alto funcionario americano cando estivera tocando alá a Real Banda de Gaitas.


Tal e como o conta o meu tío, a rapariga é de fiar e moi competente, pois traballou na falsificación dos papeis de Bárcenas e de momento hai poucos que dubiden da súa veracidade. Quen llo dixo a ela seica foi o propio Obama, e andan realmente preocupados porque, á vista do barómetro do CIS, o pepé baixa unha barbaridade, o pesoé non sube nada, a xente non ten confianza en Rajoy e tampouco se fía de Rubalcaba. Por iso, se un ten que irse, o outro debería marchar para a súa casa. Os gringos son do pensar que aínda que se vaian os dous, se non se toman medidas máis drásticas, a cousa podería acabar ficando como estaba.


Por iso, o que pretenden os americanos é facer unha decrúa como Deus manda, até o punto de que xa barallan unha primeira listaxe de doentes e só lles falta escoitar o parecer da Merkel para ver por onde teñen que recortala, pois ocupa demasiadas páxinas. No caderno do Pentágono, aparte de moitos políticos coñecidos -uns por ter as uñas longas e outros por estar infestados de estulticia- tamén aparecen nomes de empresarios, de sindicalistas, dalgún adestrador deportivo e mesmo de autoridades eclesiásticas.


Con esa vacina americana, cos fondos europeos que acaban de asignarnos e se nos cae a lotaría de que Feijóo se vaia para a capital de España, malo será que a cousa non se amañe!


Ah! O exmarido ?ou non- de dona Ana Mato quererá o mesmo trato ca Bárcenas, seguir mamando da teta sen rañala, nada de baixas no seguro e que lle sigan cotizando. Non sexa o diaño que algún día teña que ir ao paro! De onde sacará esa empresa tantos cartos?

Te puede interesar