Opinión

Accesos

Acabo de escribir o título e vénseme á idea unha palabra semellantemente eufónica, pero que significa outra cousa ben diferente, malia que para o que vou escribir, "casemente" din os clásicos da aldealle acaía disimúleme o exhortocoma gran ó cu.

"Abcesos" é o termo que, por comparativa, se me alumeou porque realmente o problema que vou abordar ven a ser algo así coma un abceso repetitivo a carón da zona máis dolorosa do corpo que vostede poida imaxinar.

Tráioo a colación ó fío das novas publicadas estes últimos días respecto da problemática xurdida no parador de Monterrei por mor das obras de recomposición do vello Camiño Real que comunicaba o conxunto da fortaleza co val e que provocou que a empresa hoteleira deixara de poder ofrecer os seus servizos ós usuarios coa calidade mínima que esixe e o cliente agarda dunha instalación do nivel de calidade que se lle presupón a un parador.

É certo que meterse na letra pequena dun proxecto sen ver o proxecto ou a problemática do mesmo sobre o terreo non deixa de ser unha temeridade que, loxicamente, eu non vou cometer porque o que vou facer é coller o grelo polas follas e poñer o foco sobre outros proxectos do mesmo ou meirande calado nos que a administración decide investir millóns en sementeira e pensa en todo ata no perfil dos evacuadores das cisternasmenos nos accesos á instalación ou ó recinto que se vai executar.

Estou pensando, por exemplo, na Cidade da Cultura compostelá, que sete anos despois de teren sido abertos ó público os dous primeiros edificios do complexo cultural, con grande boato institucional e a presenza dos reis actuais cando aínda eran príncipes, aínda hoxe andan embeleñados no intercambio de solicitudes e permisos entre as administracións para poder levar a cabo as obras que faciliten os seus accesos dende a estrada de circunvalación santiaguesa.

Máis ou menos o mesmo baixando un grao de intensidade constructiva ven a ser o que acontece co conxunto termal de Outariz, na capital ourensá, onde para ser quen de chegar sen acabar nas pozas ou no río antes de tempo, é preferible mercar un "gps" de última xeración que sinale con alta voz e ton de tenor, unha a unha as curvas e contracurvas que é preciso superar no curto traxecto do quilómetro e medio que separa as augas quentes da estrada de Vigo.

E algo semellante, continuando no descenso á política municipal onde poderiamos procurar unha interminable galería de disparatesacontece tamén no controvertido auditorio de Verín.

En fin, que máis que accesos, constitúen auténticos abcesos (grans no cu, para entendérmonos) para os pacientes usuarios que non somos quen de entender como, co fácil que é colocar primeiro os bois e logo o carro, con tanta frecuencia a administración se empeña en facelo ó contrario e logo pretender que o carro ande con total normalidade.

Te puede interesar