Autónomos

Tomo un viño cun amigo que e autónomo case dende que fixo a primeira comuñón e que despois de grandes esforzos persoais, de horarios laborais que se non superaban as 24 horas ó día porque era porque é metafisicamente imposible, multitude de créditos e hipotecas devoltos no seu tempo, momentos de ilusións proxectadas, sen sabores que saían ó paso e -só iso non sería xusto- tamén de alegrías polos chanzos paseniñamente superados, en comandita coa súa muller -ata que a vida lle trazou inxusta e apresuradamente o final do camiño e o obrigou a el a continuar só o que lle queda por percorrer-, foi quen de erguer unha empresa á fronte da cal continúa hoxe, agora xa na compaña dos seus fillos.

Tomamos un viño do país e falamos. Falamos con frecuencia sobre esta terra erma que nos arrodea, sobre o horizonte que se albisca ó outro lado dos outeiros que nos abrazan e cara onde só conducen camiños de ida para unha mocidade que unicamente deixa vellos e silencio na despedida. Falamos do día a día. Das posibles solucións, que non son soamente solucións institucionais e administrativas, senón que precisan da nosa propia implicación e compromiso de vida. Falamos de todo e de nada, que é un xeito san de facer reconto ó final da xornada e a actualidade lévamos cara unha información que recollía o xornal do pasado sábado: "Los autónomos ourensáns se reivindican: No somos defraudadores".

Velaí o titular que reproducía a portada, metendo o dedo na chaga dunha problemática que está poñendo en risco as economías familiares de millóns de persoas sobre as que se sostén a macroeconomía deste país, tan agradecido e solidario coas minorías como despreocupado, incluso déspota e arbitrario coas clases maioritarias. Unha problemática coa que, nestes momentos, el se está vendo persoalmente agraviado e que o mantén alerta sobre o que está pasando con, entre outras moitas decisións, esa nova lei de horarios que pretende poñerlle portas ó campo cunhas cantas cancelas.

"Non está transcendendo nos medios, pero o problema témolo aí e vai afectar máis do que se pensa ó futuro das pequenas empresas", díxome. "Tes que escribir sobre isto, porque algún día os autónomos eque nos dar a valer".

Boto, entón, man das estatísticas oficiais e leo que a finais de 2018, en España había algo máis de 3.258.000, que xeran -aí é nada!- o 22% do emprego que existe no país.

Dou por suposto que a paciencia do meu amigo, como bo galego antropolóxico que é, non é das que menos tragadeiras ten, polo que interpreto que o vaso colectivo dos autónomos está a piques de desbordar, tal como aseguran no xornal do sábado as catro directivas da Asociación autónoma ourensá que motivaron a nosa conversa. Supoño. E supondo iso, póñome na situación de que acontecería se de súpeto a eses 3,2 millóns de persoas se lles dera por poñer temporalmente un pé na terra. De ser así, sinceramente, non son quen de medir as consecuencias.