Opinión

Cobrar por ver

É certo que ás veces as casualidades existen. Por mor dunha entrevista que hai unhas semanas lle lin ó reporteiro Jesús Calleja, o pasado sábado aproveitei o fin da súa estadía na Ribeira Sacra para reflexionar sobre o despoboamento do medio rural e o moito que queda por traballar para promover a súa repoboación, empezando, evidentemente, por interiorizar que esa repoboación pode ser posible.

Non maliciaba eu, cando escribín a columna, que ó día seguinte ía andar de paseo por algúns dos espazos polos que seguramente andou e voou o reporteiro leonés, pero unha visita fuxidía duns familiares cántabros que descoñecían esa zona da nosa provincia levoume tamén por alí ó ronsel de tan ilustre visitante.

A miña foi, loxicamente, moito máis apurada cá del, pois unha tarde dá para pouco máis ca para espertar o interese, que evidentemente espertou nos meus familiares, e para provocar volver con parada e fonda na zona, cousa que prometeron facer no momento propicio.

Achegueime, pois, a algúns dos fitos máis tópicos da Ribeira do Sil, entre eles -como pode supoñer- o fermoso mosteiro de Santa Cristina, que ten para min un encanto especial, non só pola súa pendurada situación, senón tamén pola súa conservación actual, froito, loxicamente, dos seus avatares históricos.

Sorprendeume, para ben, saber que o Concello de Parada do Sil comezara a cobrar pola visita nun pequeno centro receptor que descoñecía e que xerou en min sensacións encontradas. Pero, para gustos crearon as cores e para facer edificios, os arquitectos...

Noraboa, pois, ó Concello por ter dado o paso de formalizar a atención ó conxunto. Ora ben, se se me permite a suxestión, unha pequena explicación introductoria por parte de quen atende a oficina non estaría de máis e xustificaría mellor o cobro, pois así non estarían cobrando por ver, senón por un servizo turístico.

Te puede interesar