Opinión

Unha, grande e libre

Voulle facer unha confesión, benquerido lector, se é que nalgún intre neste mesmo espazo non a teño feito xa, que -coa cantidade e columnas que levo escritas- xa non lembro. Eu non sei vostede, pero eu, cada día que pasa sonlle menos de bandeiras.

Onte vin na Rede unhas fotos dun grupo de simpatizantes dun partido político nacionalista que aproveitaron un dos días da ponte para celebrar unha xornada de andaina pola montaña e, polo que transcendía nas fotos, organizar unha merenda alá no alto, entre a verde floresta dun dos vellos lombos telúricos da nosa terra.

Unha "andaina reivindicativa", dicían eles nun comentario de pé de foto, co que seica pretendían poñer o foco da sociedade e acender a luz de alerta da súa formación política en non sei qué problema ou non sei qué carencia. En fin...

Co saudable e apracible que é, tanto para o corpo como para o espírito, calzar unhas botas de monte, termar unha caxata, abrirlle a porta ó can e poñerse a camiñar ata onde os pés estiren a verea sen outro obxectivo có de gozar da natureza que por sorte aínda posuímos a mans cheas, como para ter que adxectivar o substantivo e ata nunha mañá plácida dun festivo de primavera saír en manifestación polo monte arriba...

Pero bueno, esta é a miña opinión, que non ten máis transcendencia. Cada quen que faga das súas andainas o que queira. Eu, con darlle liberdade momentánea ó meu can e sentir que todo canto alcanzan a ver os meus ollos é meu porque de todo o conxunto gozo como se así fora, e, ademais aproveito para facer un pouco de exercicio, abóndame.

Pero a eles non e, loxicamente, teñen tanto dereito a reivindicar a súa opción coma eu reivindicar a miña, simplemente interior e aséptica.

E, como do que se trataba non era tanto de andar -que tamén- se non de reivindicar non sei qué cousa, pois alí ía pendurada do seu pau a bandeira. Esa que ten no centro unha estrela e que seica representa os cinco fitos da clase obreira.

Logo, na sobremesa escoitei un fragmento do discurso do presidente do Partido Nacionalista Vasco, non sen antes presenciar unha danza folclórica ateigada de bandeiras -neste caso "ikurriñas"- que me volveron lembrar esa sorte de fastío que me provocan, cada vez con máis vehemencia, tódalas bandeiras.

Te puede interesar