Opinión

"...Hoy comienza la primavera..."

Cómo que comeza a primavera...? É de supoñer que arestora estea pensando vostede. Cómo que comeza a primavera, cando na próxima semana acadaremos o punto final do devalar do sol cara o solsticio, saudando así a chegada do inverno?

Pois velaí que, se logrei iso, ou sexa, que logo de ter lido o titular, este o alertase o suficiente como para facer unha parada pausada no resto do texto e continuar lendo o que estou a escribir, entón é que conseguín facer o que consigue a cotío a publicidade, esa sorte de comunicación complementaria que acompaña por aquí e por acolá a este e outros textos nas distintas páxinas do xornal ou se lle entremete, tódolos días e a todas horas, escoitando a radio, vendo a televisión ou consultando a rede.

É dicir, que se aínda anda coa mirada chantada por aquí, iso quixo dicir que a través do titular acabei conseguindo "venderlle" a miña columna.

Un titular que, aínda por riba non é meu, senón dun texto do psiquiatra Santiago Lamas no que teoriza sobre os fins e os efectos que a publicidade xera no ser humano dende que se inventou. Un texto que fai referencia a cómo, co tempo, foi evolucionando a mensaxe e que recolle a anécdota dun publicitario que ó ir traballar a diario se cruzaba cun cego esmolante e lle deixaba unha moeda, ata que un dos días decidiu non depositar a moeda e no canto da darlle a esmola escribirlle algo no cartel. Ó saír do traballo o publicitario volveu por onda o cego e preguntoulle qué tal lle fora a xornada, recibindo como contestación que mellor ca nunca e como pregunta, qué fora o que o seu benfeitor escribira no cartel. A súa resposta foi esta: "Hoy comienza la primavera y soy ciego".

Pois ben, se desexa coñecer cómo incentivaban o enxeño e a imaxinación os establecementos comerciais da provincia de Ourense entre 1863 e 1939 para -coma o cego- recadar máis e mellor, non ten máis que ir ó fermoso libro que acaba de publicar Maribel Outeiriño e no que está inserido o pequeno relato anecdótico-publicitario de Santiago Lamas.

Unha publicación -"Historia del comercio ourensano a través de la publicidad"- ideal para ir consultando pouco a pouco, cando se ten vagar, coma quen mira un libro de fotografías, pero deténdose nos textos dos case 800 anuncios que están recollidos nel para ir descubrindo cómo de activa, espelida e incluso cosmopolita era a sociedade comercial ourensá de finais do século XIX e principios do XX.

Unha publicación, en fin, que todo comerciante debería consultar, pois estou seguro de que acabará dando con algún anuncio que lle servirá de estimulante, agora que tanto falamos de marketing, mentoring, couching, etc., etc., coma se estivésemos descubrindo a lúa, cando xa no século XIX os maragatos -poñamos por caso- foran, volveran e sabían dela o que se cadrra nunca lograremos saber nós.

Te puede interesar