Opinión

De identidades e parroquias

Despois dun intenso traballo levado a cabo por un abondoso feixe de persoas e institucións, por fin xa está entre nós, coas portas abertas ó mundo, a exposición "In tempore Sueborum", unha mostra que máis alá do valor físico que atesouran as 263 pezas de arte procedentes dun gran número de museos radicados nunha ducia de países europeos, ten un especial valor -nos tempos que corren- polo simbolismo que supón na mirada que nos propón cara o noso propio pasado, alá onde se perden os tempos.

Digo isto porque, tal como foi remarcado por varios dos representantes institucionais intervintes na apertura da exposición, nestes momentos resulta imposible mergullarse nunha ollada retrospectiva dun pobo sen ser influenciado polo contexto socio-político colectivo no que vive actualmente -digamos- a península ibérica.

E é que uns e outros, por unha ou por outra causa, acabaron falando de identidades e parroquias, porque ser consciente da identidade é algo imprescindible para que un pobo poida ser quen de organizarse e parroquias -quen as citou foi o presidente da Xunta- son, logo da unidade familiar, a célula esencial dunha sociedade organizada.

Pois ben, o que ben a demostrar esta exposición é que Galicia -ou os galegos-, por máis que ó longo dunha boa parte da nosa última historia teñamos vivido colonizados por unha especie de complexo de inferioridade con respecto a outros pobos que teñen feito da exaltación desa identidade un mantra que ten acadado nalgúns casos límites socialmente insalubres, o único certo é que en cuestión de identidade -sentimento de ser- e de parroquia -forma de organizarse- non lle temos que envexar nada a ninguén, simplemente porque fomos os primeiros.

De aí que, o paso pola exposición debe facernos saír dela fachendosos porque, 1.700 anos despois de sermos o primeiro pobo da península socialmente auto organizado, sexamos quen de continuarmos mantendo acesa esa sorte de identidade antropolóxica perfectamente gravada no noso adn sen que iso teña que provocar procesos socialmente traumáticos provocados por devezos separatistas ou narcotizantes arelas de independencia, demostrando, polo tanto, que pode ser perfectamente posible e maiormente plausible conxugar a identidade coa convivencia, sobre todo nunha sociedade postmoderna onde a osmose xa non corre buratos do tamaño ínfimo dunha esponxa, senón por ocos da grandura do arco da vella.

Se cadra é unha conclusión que precisaría de máis considerandos. En todo caso, se de algo debemos gabarnos os galegos é de sermos o exemplo no que deben empezar reparar os que nos gobernan, se é que queren poñerlle fin de vez ó conflicto permanente no que nos manteñen.

Te puede interesar