Opinión

... a mar abierto

Tráeme a rede (nunca mellor dito) unha nova que reclama a miña atención. Procede de Montevideo e desenvólvese baixo un titular que inicialmente, para un lector distante coma min, non dicía nada, como tampouco lle dirá a vostede se a reproduzo: "Nave gasera fue la primera en arribar al muelle C para realizar reparaciones".

Outra cousa é o primeiro parágrafo da información, xa que logo, a mesma traime recordos de hai aproximadamente unha ducia de anos con motivo dun paseo pola ría de Vigo, que por outras circunstancias teño contado aquí noutras ocasións.

Di o informador: "...Se trata del barco español, Celanova, un tanquero de mediano tonelaje que está operando en el área de Río de Janeiro en el trans- porte de gas".

É posible, benquerido lector, que nunca oíra falar desta curiosidade nominal, pero aínda que non o crea e por máis que eu teña feito referencia a isto en varias ocasións nesta mesma columna, o caso é que esta vila dende a que escribo, situada a un cento de quilómetros do mar de Vigo, ten unha longa historia relacionada cos océanos, que vai máis alá da propia relación da súa emigración cos barcos que a condu- cían a América. Unha historia que algún día haberá que compilar, non en van nos liga ós celanovenses mesmo coa "Armada Invencible" e agora, dende hai -como digo- unha ducia de anos, gracias a este transportador de gas, baña o nome de Celanova, a mar aberto, por tódalas augas do mundo.

Se cadra, arestora, vostede estará pensando que o barco é propiedade dalgún acaudalado emigrante orixinario de Celanova que poida residir no Brasil -dado que opera en Río- ou mesmo nalgunha localidade marítima de Uruguay. Pero non. A súa historia (esta si xa publicada por min, no seu momento, na revista Auria), ten que ver coa historia íntima dun preso da Guerra Civil natural de Portugalete que polo delito de ser secretario municipal nun concello non "adicto ó réxime" viu abocada a súa vida ó longo dunha media ducia de anos ó escarnio da prisión, primeiro no Puerto de Santa María, logo en Celanova e finalmente en Burgos.

Quédame espazo para dicir, a modo de apurado resume, que o seu fillo Rodolfo -que entre os anos 1938 e 1940 era un neno- viviu con ese nome chantado á ausencia do pai e, por iso, despois de ter percorrido os océanos como marino mercante, cando a vida lle foi ben e puido ser propietario do seu primeiro buque decidiu poñerlle ó mesmo "Celanova" para darlle ó seu pai a liberdade que a sen razón lle tiña roubado.

Alegraríame saber que hoxe, algún dos moitos fillos de Celanova que aínda viven en Montevideo dese con el no peirao para sentir -dou fe- unha inmensa alegría.

En Celanova conformámonos con ter a súa maqueta. 

Te puede interesar