Opinión

Minuto e resultado

Supoño, benquerido lector, que só con ler o capitel que sostén esta columna sabe perfectamente a qué me estou referindo.

Si. Non pensou mal. A eses programas radiofónicos de fin de semana que son coñecidos como carruseles deportivos e nos que de cando en vez fan unha rolda de contactos cos xornalistas apostados en todos e cada un dos campos de fútbol para que simplemente informen do tempo transcorrido de partido e do resultado que indica o marcador nese intre.

É dicir, ben a ser, esta, unha vella fórmula informativa tendente a colocar ó oínte virtualmente en tódolos campos de fútbol por máis que á grande maioría deles tan só lles interese o resultado que se poida estar dando en dous. No do Madrid e no do Barcelona. Nun caso -segundo cal sexa a preferencia- para alegrarse pola victoria do equipo propio e no segundo para tratar de alegrarse tamén pola derrota do outro.

Veume este símil á idea despois de ver o pasado sábado cómo unha canle de televisión retransmitiu ó longo de toda a xornada en plan "minuto e resultado" todo canto acontecía no interior do número 70 da madrileña rúa Ferraz, malia a ter sido o edificio pechado a cal e canto para os medios de comunicación, pintando incluso os vidros das portas para que dende fóra non se puidese dar visto nada no seu interior.

Evidentemente, os directivos da televisión saberán por qué o fixeron, pois eles saben bastante máis ca min de comunicación. Ora ben, ó ir comprobando como, a xeito de alerta telefónica, ían retransmitindo "minuto a minuto" o que na grande maioría dos casos eran nimiedades informativas do tipo, "en estos momentos está haciendo uso de la palabra fulanito de tal", a min levoume a reflexionar sobre o grao de distorsión que supón para a información a saturación informativa coa que convivimos actualmente.

E digo isto porque, o pretendido exercicio de liberdade informativa que quixo facer esa emisora televisiva, retransmitindo por vía interposta o que ía acontecendo alí dentro, no fondo non era, senón, un exercicio de manipulación informativa, dado que o que lles enviaba a información non era un xornalista que estivera alí dentro, peneirando os feitos e trasladando obxectivamente aqueles que puidesen teren interese para o cidadán, senón un elemento de parte que loxicamente só transmitiría o que beneficiase ós seus propios intereses. Velaí a gran contradición.

Un exercicio de hiper-información, en fin, que ó meu ver non fai outra cousa ca distorsionar a realidade que realmente -descúlpeme a redundancia- interesa.

Ou é que, por exemplo, por ver alí durante todo o día a unhas ducias de exaltados insultando ou palmeando ós que ían entrando no edificio, debemos sacar a conclusión de que tódolos militantes do PSOE son uns berrecallos? Pois iso.

Te puede interesar