Opinión

O neno e a pelota

Lamento escribir o que vostede vai ler a partir de aquí porque durante unha etapa da miña vida -aínda dende a diverxencia en moitos fondos e formas- admirei sinceramente o seu discurso e entendín que a súa presencia no escenario da política galega era máis ca necesaria, porque -malia a algúns excesos verbais e formais- viña a ser, a súa, a voz da conciencia que matiña espertos a aqueles -empezando polo propio Fraga Iribarne- que crían que goberno era sinónimo de decreto e que montar no asento de atrás dun coche oficial era algo así como ser unxido co sino da infalibilidade e do poder total sobre tódolos seus súbditos.

Lamento ter que escribir o que vai ler a partir de aquí porque do mesmo xeito que penso iso, é dicir, que Xosé Manuel Beiras cumpriu un papel fundamental na súa primeira etapa como parlamentario (porque sen chegar a ter responsabilidades de goberno dende o escano da oposición superou por arrobas a ducias e ducias de conselleiros), tamén penso -e así o teño escrito outras veces- que a sobreactuación á que el mesmo se someteu dende o minuto un desta lexislatura, exercendo naquel intre como presidente de idade da mesa, leva tempo facéndolle moito mal, xa non digo á política galega, senón ó sistema de cordialidade na convivencia e mesmo na diverxencia na que debe morar a sociedade galega.

Din que segundas partes -agás raras excepcións- nunca foron boas e con aquel Beiras Torrado que nos provocaba envexa -foramos ou non simpatizantes da súa formación política- pola elaboración, a cadencia discursiva e a intelectualidade coa que revestía as súas intervencións públicas, esa máxima estase cumprindo ó pé da letra, xa que logo, cada vez que fala (e son consciente de que incluso agora conta tamén cunha abondosa parroquia) o creto que ata hai dous anos atesouraba para unha parroquia moito máis grande (repito, fose ou non seguidor da súa formación política) esvara polo sumidoiro da fosa séptica, xa non digo a cuartillos, litros ou olas, senón a moios por arrobas.

Canta Serrat esa estrofa que di "niño, deja de joder con la pelota..." Pois ben, as súas últimas arroutadas -ás que xa non lle cabe nin o calificativo de declaracións- públicas, dáme a min que se enmarcan claramente dentro do contexto da letra do poeta catalán e non fan máis ca referendar o que moi ó meu pesar veño escribindo dende que comecei a columna.

Cando eramos nenos e xogabamos ó futbol na praza das Pitas da miña vila, sempre había un neno mal criado que, como era o dono da pelota, cando lle daba a arroutada ou o resultado non lle conviña, acababa dicindo aquilo de "como a pelota é miña, acabouse o partido".

Pois ben, lamento ter que dicir isto polo respecto que lle debo a unha persoa que nun tempo que causou admiración, pero cada vez se me parece máis ó neno mal criado da política galega ó que sempre se lle tolerou máis có resto dos nenos e agora, como ve que se lle acaba o partido e nin así é quen de meter un gol, o que realmente lle gustaría facer é simplemente rachar a pelota.

Te puede interesar