Opinión

Pasos á fronte

A única lotería coa que polo de agora (nunca se pode perder a esperanza) fun agraciado na vida, foi a de ter a fortuna de ter librado da "mili" por "excedente de cupo".

Daquela, herdada de xeracións anteriores coma a do meu pai, era comunmente aceptado o pensamento de que "facer" o servizo militar, ademais de cumprir co país, era algo necesario no proceso de formación do ser humano masculino, xa que logo, aqueles que ó longo a súa adolescencia non gozaran aínda da oportunidade de saír do seu entorno social máis inmediato, dese xeito poderían ter a oportunidade de ver "novos mundos", coñecer outras xentes que non fosen as da súa aldea, aprender a vivir en convivencia e, polo tanto, abrir a mente cara horizontes máis cosmopolitas.

Eu, gracias a deus non botei en falla esa oportunidade, porque a miña vida viña de ter vivido a experiencia de seis anos de internado (cousa que co tempo teño agradecido de vez) fóra de Galicia e, polo tanto, non necesitaba un "master" en convivencia porque xa traía sabido todo o que había que saber sobre o bo e o malo das 24 horas de convivencia con semellantes.

Por iso non me fixo falla ir á "mili" para interiorizar outro principio tamén comunmente aceptado daquela, como era o de non ser o primeiro nunca en dar un paso á fronte, nin ser tampouco o último, polo que puidera acontecer.

Se vostede, benquerido lector, pasou por algunha desas dúas experiencias -e se é lectora, pola do internado- coincidirá comigo en que nin na vangarda, nin no pelotón todos torpes está a virtude da vida sen sobresaltos.

Sen embargo, logo, os camiños desa mesma vida téñenme ensinado que hai encrucilladas nas que, malia ó risco dos sobresaltos, o futuro está nas mans daqueles que son capaces de dar un paso á fronte cando o terreo se volve máis inestable e o máis fácil sería quedar parado, a resgardo das inclemencias, "a ver qué pasa...!"

Os galegos (especialmente aqueles que non fomos inoculados co xen da emigración) somos moi de "a ver qué pasa...!". E así nos ten ido socialmente en moitos aspectos.

Por iso, agora que acabo de ler que José Ángel Vázquez Barquero decidiu dar un paso á fronte cando máis enlamado se atopa o terreo de xogo e máis treboadas anuncian os radares meteorolóxicos sobre as súas cabezas, non podo menos ca salientar dende aquí a súa afouteza e desexarlle unha fértil travesía, porque algo máis que sorte e vento de popa vai precisar para cubrila.

Entre outras cousas -se cadra- que lle permitiran tomar o control do temón do barco para que non encalle e non se esnafre nos perigosos arrecifes denantes de chegar á costa.

Te puede interesar