Opinión

Regresar ó pasado

Por unha cuestión de curiosidade endogámica sobre os antecedentes do clan social do que formo parte, levo moitos anos indo de cando en vez polo xulgado de Celanova para "fedellar" nos libros do Rexistro Civil.

Non é que me achegue alí por puro entreteñemento, senón sempre por curiosidades puntuais para documentar o nacemento, o casamento ou o falecemento deste ou daquel persoeiro máis ou menos interesante para a nosa historia local.

Ata hai pouco máis dun ano, achegábame ata alí, saudaba a Alfonso e logo de falarmos un pouco sobre o frío ou a calor do dí, sobre esta ou aquela persoa, e de explicarlle a razón concreta que aquela mañá me levaba ata alí, púñame os libros que eu lle pedía por riba do mostrador e el seguía coa súa faena, mentres eu reparaba en nomes e apelidos, datas de rexistro, país, avós, parroquias, etc., co fin de dar co obxectivo da miña visita.

Cando conseguía o "eureka", Alfonso facíame unhas fotocopias e logo do sincero agradecemento de rigor polas facilidades dadas, emprazabámonos ata outra.

A última vez que me acheguei por alí, xa Alfonso estaba xubilado e a persoa que o substituía, sen o nivel de confianza que tiña con el, atendeume coa corrección debida, pero cando lle pedín a información, no canto de poñerme os libros do ano que eu quería consultar por riba do mostrador, pediume as referencias exactas do que quería saber e púxose a consultar nun ordenador no medio dun silencio que se me facía incómodo polo tempo de traballo que lle estaba roubando á rapaza. Entón non puiden máis e díxenlle que se me deixaba os libros de rexistro de toda a vida que me deixaba o Alfonso, facía eu a consulta directa e non a ocupaba a ela, ó que ela me contestou que debido á lei de protección de datos non podía e que, polo tanto, a consulta tiña que ser realizada por ela. En fin...! "Pois se ten que ser así, esperarei...", dixen eu. E vaia se esperei.

Te puede interesar