Opinión

Saloucos no Paco Paz

Sempre sentín querencia por Lenoard Cohen dende que unha cinta de "Poetas en Nueva York" caeu nas miñas mans e se consumiu co tempo no radio casette do meu coche. É certo que nestes últimos anos, esa querencia viuse incrementada dun xeito emocional, cando as oito décadas do cantautor xa camiñaban por riba da súas costas e as faccións do seu afiado perfil me lembraban con certo grado de proximidade física ás de meu avó Enrique, cando este andaba polos seus mesmos anos.

Pero, sobre todo é  certo que me namorei da súa voz cando esta comezou a perder a potencia dos seus primeiros anos e as súas interpretacións comezaron a seren máis que interpretacións musicais, unha sorte de recitados saloucos perfectamente harmoniados por unha banda exquisita e unhas voces femininas -as de Sharon Robinson e as irmás Webb- e que eu inaugurei para min aquela inesquecible tarde-noite do 12 de setembro de 2010 entre o silencio do Paco Paz, na que os ourensáns tivemos o inmenso privilexio de escoitalos ó longo de case tres horas que hoxe cobran valor de museo na memoria de cada quen, porque xa ninguén as volverá escoitar en directo nunca.

Cando se vai un familiar, é certo que un anaquiño de nós -polo menos aquel caixonciño onde un garda os seus vellos afectos- tamén desaparece con el, pero cando se nos vai un ídolo, por máis que un nunca tivera o máis mínimo contacto persoal con el, dalgún xeito perdemos tamén un andel dos nosos sentimentos, malia que a súa arte, a súa música ou o legado polo que o admiramos, permaneza vivo e cercano no tempo.

Velaí qué foi o que sentín hoxe -onte, para vostede- pola mañanciña, cando no medio do almorzo escoitei, no informativo, a noticia de que Leonard Cohen -aquel singular persoeiro ó que sentimos tan preto de nós aquela noitiña estival do ano 2010-, e polo que, cando o escoitei, non puiden menos ca deixar o almorzo e achegarme á habitación para compartir a mala nova, coma se se nos acabase de ir un tío que tiveramos na América.

É certo que a súa música binaria permanecerá ó noso carón para sempre (incluso para cando xa nin sequera nós esteamos) nos vinilos, nos cedés, nas cintas, na nube, na rede, no ordenador ou en calquera outro formato que aínda non está inventado.

Pero por riba de todo quedará en nós o pracer de ter compartido con el aquela máxica viaxe polos seus saloucos nun escenario que probablemente moi poucas veces tivera tan acaído o seu pacífico apelido.

Te puede interesar