Opinión

"Selfies"

Como tantas outras veces teño escrito, non pretende esta columna reprender a ninguén porque -como tamén teño formulado outras tantas veces- considero que cada quen pode facer da súa capa un saio e da súa propia pel un pandeiro, se é que o tecido lle dá para iso. Pero si persigue, por comparativa, facer unha reflexión que nos pode valer a todos -a vostede a máis a min, benquerido lector- e tamén ós protagonistas nos seus adentros, eses que a miúdo non comparte con ninguén.

Imaxine, benquerido lector, a un grupo de mineiros, deses que xa non quedan, baixando no transportador ata a sétima ou oitava galería, a catrocentos ou cincocentos metros de profundidade, co seus cascos iluminados, as súas fundas e as súas caras de preocupación, facéndose "selfies" entre eles para anunciarlles ós seus que empezan a xornada laboral.

Se ve que este exercicio de transposición non é doado porque nas entrañas da terra non debe haber moita cobertura, imaxine, por exemplo, a todo o equipo clínico dun quirófano facendo o mesmo denantes de entrar nunha operación a corazón aberto, emprazando ós seus para retransmitirlles logo o resultado.

Ou imaxine á parella da Garda Civil de Tráfico autorretratándose cun borracho e ensinando os 0,75 puntos de alcohol no aire que lle acaban de "cazar".

Se isto aínda lle pode parecer ficticio, sente, por exemplo, nun asento calquera dun avión e pense na imaxe dun “selfie” de toda a tripulación -incluído o comandante- coas cabezas todas xuntiñas para que quede espazo no visor da cámara para a meirande parte do pasaxe, denantes xusto de comezar a explicación perceptiva das normas de seguridade da viaxe.

Póñase, senón, imaxinariamente na cabina dun camión de bombeiros, mesmo denantes de baixar dela para facerlle fronte ó lume, e trate de visualizar ó equipo completo facendo a "v" da victoria ou o sinal de "ok" co polgar en alto, comentando algo así como que aquilo é "pan comido".

En fin, poderiamos poñer tantos exemplos como oficios, profesións ou actividades cotiáns se dan no día a día de calquera lugar do mundo e estou seguro de que cada unha delas, ó imaxinalas así en frío, hanlle resultar certamente ridículas e en máis dun caso -de telas visto- acabarían por lle provocar algo así como, "pero esta xente perdeu o xuízo!"

Pois ben, eu non sei vostede, pero eu si que vin retratos –case viralizados- estes dous últimos días, nos que os -e as- protagonistas dos "selfies" eran deputados e deputadas de distintas formacións políticas, anunciándolles ó mundo que ían comezaren a desenvolver a súa actividade -pola que todos imos desembolsar unha pasta gansa-, coma se fose unha brincadeira. Unha brincadeira que a min, polo menos, tal como está o patio non me fan a máis mínima gracia.

Te puede interesar