Opinión

TORCUATO, EUFRASIO E O XACOBEO

Vou aproveitar que o Arnoia pasa por debaixo da Pontefreixo (é dicir, que os alcaldes dos dez concellos da N-540 no sur da provincia se reuniron nantronte en Celanova co fin de corrixir unha eiva histórica) para facer un breve apuntamento sobre unha circunstancia permanente e inxustamente obviada (ou mellor dito, non explotada) polos responsables do Xacobeo (tanto os institucionais como os eclesiásticos) e que ó meu humilde ver axudaría a potenciar turística, cultural e relixiosamente o Ano Xubilar máis alá de Compostela.

Como lector ben informado que é, saberá que é tradición comunmente aceptada que os Varóns Apostólicos foron sete discípulos de Santiago –algúns de nomes case impronunciables- que foron enviados á Península Ibérica para evanxelizar estas terras e que logo, segundo outras versións, serían os que axudarían a trasladar finalmente o corpo do apóstolo ata o Campo das Estrelas, onde sería finalmente descuberto o túmulo que hoxe da pé para que cada certo tempo celebremos en Galicia o Ano Santo.

Pois ben, os restos de dous deses sete Varóns –é dicir, Eufrasio e Torcuato- consérvanse en dous puntos referenciais de Galicia sen que neles se conmemore a máis mínima referencia –nin cultural, nin relixiosa- cada vez que toca, coma este ano, celebrar o Xacobeo.

A memoria do primeiro deles, Eufrasio, está ligada ó municipio do Incio (Lugo), onde, segundo conta a tradición, foron soterrados os seus restos logo dunha abondosa actividade catecúmena en Andújar (Jaén), de onde foi bispo.

O segundo, é dicir, Torcuato, actualmente comparte padroado co propio fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova no altar maior da súa igrexa, logo de ter descansado longo tempo na fermosa capela que conserva o seu nome en Santa Comba de Bande, onde foi motivo de peregrinacións durante séculos.

¿Pode dicir alguén, entón, que non é camiño de Santiago aquel que dende hai máis de mil anos conserva a memoria do principal dos seus discípulos?

Te puede interesar