Opinión

Un home record

Aúltima vez que coincidín con el estabamos ámbolos dous a máis de 10 mil quilómetros de aquí. Concretamente no Centro do Partido Xudicial do Carballiño, se non fallan os datos, no barrio da Recoleta bonaerense. Co doado que era vérmonos no Carballiño!

Bueno…! A afirmación que acabo de facer, aínda sendo certa non o é de todo, xa que logo, non estabamos soamente os dous, senón un bo feixe de ourensáns dos de aquí e de acolá, pois o encontro tivo lugar con motivo da visita realizada pola delegación do premio Ourensanía a este centro galego-bonaerense o mes de novembro do pasado ano. Como é ben sabido, nós viaxamos para participar no acto de entrega do premio dese ano, motivo que aproveitou el para achegarse, como seica fai con relativa frecuencia, a botar unha tempada de convivencia coa súa familia bonaerense, que seica é ampla e emocionalmente moi achegada.

Saudámonos, como adoitamos facer cada vez que coincidimos nalgún evento, xa sexa pola cidade, xa polo seu querido Carballiño, aínda que desa volta o afecto do saúdo viuse sen dúbida incrementado polo efecto da distancia coa nosa propia terra, o cal axudou, unha vez máis, a que a súa declaración de usuario cotián destas columnas me fixera sentir especialmente agradecido.

Nesa mesma prensa que sostén esta columna leo que o Concello do Carballiño acaba de facer xustiza coa súa memoria histórica (porque a memoria histórica tamén é isto) e con motivo dunha nova edición da Festa do Pulpo, co actual alcalde á cabeza -cousa que tamén o honra a el- dedicoulle unha obrigada homenaxe "por ser o gran impulsor da promoción exterior" da devandita festa ó longo da súa traxectoria como rexedor municipal.

Cando, con satisfacción, lin a información que se facía eco de tal acto, viñéronseme á idea coma impulsadas por un resorte, as palabras que encabezan o friso de titular e quixen lembrar tamén máis dun artigo meu nos que trataba de botar contas co fin de ser quen de meter con calzador polas avenidas, rúas e canellas do Carballiño ós milleiros de asistentes a cada edición da Festa do Pulpo que o alcalde Marnotes aseguraba que se achegaran cada segundo domingo de agosto.

Houbo unha época na que os visitantes subían cada ano de 10 mil en 10 mil, o que me fixo chegar á conclusión final de que o Carballiño, en vez de ser coma o pulpo era coma un chicle que estiraba e volvía á normalidade urbana ó rematar a festa.

Velaí unha perfecta aplicación do marketing cando a mercadotecnia aínda non fora inventada como ciencia. E velaí tamén a razón de ser da miña afectuosa cualificación como "home récord". Porque alén desta anécdota, Argimiro Marnotes foi moito máis, como ben sabe a veciñanza do Carballiño. Foi un pioneiro. Un adiantado da xestión municipal que máis ca un recoñecemento, debería ser nomeado catedrático perpetuo da Escola galega de xestión municipal. Esa que aínda está tamén sen inventar e que, polo ben do futuro dos Concellos, alguén deberá fundar algún día.

Te puede interesar