Opinión

Un reloxo de sol

Cando o vin impreso no xornal semelloume algo parecido a un reloxo de sol marcando to sino da economía ourensá.

Foi nantronte, domingo, ilustrando unha reportaxe de Antonio Nespereira na que facía unha disección do que supón para a nosa economía local o funcionamento conxunto das cincuenta empresas que máis facturan na provincia de Ourense.

Nunha semana na que daban pasos por Avión algúns dos que andan polos primeiros chanzos da envexada lista Forbes (pola miña vila tamén andou algún a semana anterior) semelloume acaído que fose dada a coñecer nun formato tan redondo o nome e apelidos dese medio cento de empresas que na inmensa maioría dos casos nin sequera sabemos onde asentan a súa sede social e que, sen embargo, no seu conxunto, polo que informaba o titular da información danlle emprego -é de supoñer que non todas ourensás, pero...- a unhas 9.100 persoas.

Logo de comprobar pola vía informativa o que demostra a evidencia económica da nosa provincia a nada que un dea un paseo polos 92 concellos que a conforman, é dicir, o paraíso do minifundio no que tamén a nivel empresarial nos movemos, reparei especialmente na ilustración que a min se me antollou o devandito reloxo de sol e dinlle unha lectura pausada ós nomes mercantís das cincuenta primeiras empresas de Ourense co fin de comprobar cantas delas me soaban de algo, chegando á conclusión de que a gran maioría eran para min descoñecidas.

É certo que non me movo eu -nin nunca me movín- polas vereas da información económica ou empresarial, polo que non resulta nada insólito, nin moito menos, que comprobase o grao de ignorancia que nese ámbito de coñecemento posúo.

Pero non por iso vou deixar de facerme eco e renderlle hoxe homenaxe -dende este foro persoal- non tanto a eses nomes mercantís nalgúns casos case inintelixibles, senón ás ducias de homes e mulleres que un día das súas vidas iniciaron -ou tomaron conta dun proxecto xa iniciado- unha aventura empresarial e froito do traballo de sol a sol -seguro que dun chisco de sorte tamén- e doutros moitos factores que teñen que ver co risco, a fortaleza, a perseverancia, a paciencia, o empeño e o tesón -por poñer só algúns- acabaron creando riqueza para eles e tamén para moitos dos que están ó seu redor e, polo tanto, para a nosa provincia.

Vaia, pois, dende esta xanela dende a que adoitan saír con demasiada frecuencia esgotíos en berro seco e lamentos polo futuro desta provincia que encara dolorosamente o escuro túnel da inanición, o meu recoñecemento, porque a carón de tanta desazón semella que aínda dá máis luz un reloxo de sol tal que é quen de facturar millóns de euros e de soster a máis de 9 mil empregos.

Te puede interesar