Opinión

Vinte vinte

Entre as moitas comunicacións de felicitación recibidas estes últimos días -algunhas certamente imaxinativas-, chegoume ó teléfono unha que recibín con especial cariño porque traía remite de Guadix e dun amigo accitano -que é como lles chaman ós veciños desa cidade- , bo fotógrafo e mellor persoa.

A postal era sinxela cunha fotografía nevada con bo tratamento fotográfico transformando en azul dous dos principais picos de Serra Nevada que gardan o sur da "hoya" accitana e convertendo nunha paisaxe de ensoño o que eles denominan as "bad lands" ou terras malas que identifican as súas paisaxes e que teñen servido, gracias a elo, como escenario de películas tan coñecidas coma o mesmísimo "Doctor Zivago".

Igual que a imaxe era sinxela, a mensaxe mantiña tamén as formas e poñía: "Guadix, vente, vente!" É dicir, un bo reclamo turístico para unha comarca que malia estar a moi poucos quilómetros dun dos centros de peregrinación turística de España como é a Alhambra e a propia capital da provincia, xunto ós referentes invernais de Sierra Nevada, está tan precisada de xente de actividade económica como nos acontece a nós.

Pois ben, ó fío desta derivación textual que o meu amigo accitano transformou nunha nun reclamo para que as xentes os vaian visitar, pensei eu na traducción textual ó galego do ano no que xa andamos transitando, "Ano de Nós" dirán moitos, mentres outros preguntarán ignorantes "e quen somos Nós, se se pode saber?"

Fixen tal exercicio textual e o que me saiu non é ningunha novidade, pero si semella un exhorto que case non apetece mirar.

"Vinte vinte", ven a dicir o ano, lido non de forma ortodoxa, senón como fan os americanos, cos números de dous en dous, supoño que para aforrar.

E velaí temos xa o 2020, esparexendo a resaca do primeiro día e coma un cativo querendo comezar a camiñar. Bueno..., a camiñar ou a se desbocar nas primeiras semanas. Quen sabe como rematara...?

Seguramente será moi repetida esta forma de lle chamar ó ano que acabamos de encetar (no fondo todos levamos canda nós un pequeno eu yankee do que non nos damos redimido), sen saber moi ben -por moito que repitamos cada vez a cantinela do "vinte vinte", se non acabaremos arrepentíndonos de tanto mirar dun xeito estático tal coma quen senta no último anfiteatro do Bernabeu e ve dende alá no unhas formiguiñas correndo atrás dun puntiño negro que bota e bota, e pouco máis.

"Vinte vinte" –diremos cada cando- agardando non ter que laiarnos ó final de que “vimos vimos”, pero non fixemos nada para mudar.

Te puede interesar