Opinión

Os que vivimos no ermo...

Sei que non é ortodoxo escribir columnas encadeadas, porque o lector non ten por qué ter un compromiso diario co columnista e incluso, aínda téndoo, hai días nos que un ten tempo e ganas para ler a biblia se lla poñen diante e outros nos que nin sequera o hai para ler un renglón.

Malia ser consciente disto, déixeme que lle diga que o pasado sábado rematei a columna botándolle a culpa a Europa, da terminal situación na que nos atopamos os galegos que vivimos no ermo. A Europa como contexto e á alta política como pretexto, que dun xeito nefasto -como se ten demostrado- negociaron as condicións terminais da entrada do noso campo e dos nosos bosques na Unión Europea.

"Se se a alta política foi quen cometeu o erro dos anos 80 -escribía eu o sábado-, da alta política -con lexislación, orzamentos e un urxente plan de choque na xestión dos nosos montes- e de ningunha outra chistera ten que vir a solución".

Ora ben, dado que este paso non se vai dar de aquí ó próximo verán (aínda non escoitei a ningún candidato ofrecer solucións concretas para atallar as cinzas que nos volverán caer enriba no 17), alén das escenificacións máis ou menos emblemáticas e máis ou menos mediáticas -que están ben-, coma a que simbolicamente protagonizaron xentes e colectivos da Baixa Limia esta fin de semana, é evidente que en canto a clase política non cae da burra, os que vivimos no ermo temos a obriga vital de propoñer, estudar e consensuarmos solucións urxentes para uns bosques que non só nos queiman no verán, senón que nin nos permiten xa ver a aldea do lado no inverno.

Que facer, entón? Fágome esta pregunta mentres por riba do Forriolo crece desmesuradamente unha inmensa nube de fume que procede -seica- dun incendio declarado en situación 2, en Sandiás.

Pois, polo de pronto, eu propoño crear un foro cívico, aberto e plural que primeiro estude as fórmulas legais, administrativas e técnicas posibles (que seguro que xa están inventadas) e logo actúe para poder crear unhas brigadas forestais que poidan traballar na limpeza dos montes ó longo do inverno.

E vaia por diante que cando escribo plural, non me refiro a unha pluralidade ideolóxica -porque nel non debe haber ideoloxías políticas-, senón que me estou referindo a un foro multidisciplinar con capacidade de deseñar, dun xeito profesional, o proxecto.

Con qué financiamento? Pois mire: Con crowfunding!

Só con 50 euros cos que colabore cada veciño da Terra de Celanova (menos do que achega para a festa do patrón) conseguiríase un fondo de máis dun millón de euros para empezar. Parécelle pouco?

E de seguido, reivindicar unha planta de biomasa na zona. E incluso máis, que Seaga sexa algo máis ca unha máquina estival de apagar incendios.

Te puede interesar