Opinión

Xente daquí e dacolá

Andamos mergullados esta tempada estival, como adoita acontecer tódolos anos, de xente de aquí e de acolá. Turistas, algúns. Os menos, é certo. Pero xente de noso que mora na diáspora, a puñados e en calquera rúa de calquera vila ou aldea da provincia.

É a cara positiva do fenómeno da emigración, que despois de ter desangrado socialmente ata límites tan perigosos como é deixar o noso corpo colectivo tísico e próximo ó colapso, agora, a través de segundas, terceiras e incluso cuartas xeracións, retornan ó fogar común, cando menos, dúas ou tres semanas ó ano, transformando os nosos espazos comúns en auténticas ágoras infantís ou xuvenís totalmente cosmopolitas.

Hai uns días, en plena Praza Maior da miña vila, unha nena dicíalle a outra, "si quieres, te dejo mi diccionario de francés", é de supoñer que para poder facer fluír mellor a comunicación con outra nena que andaba arredor delas. Nas dúas últimas semanas andou por esa mesma Praza Maior un mozo completamente anónimo -Carlos Cid-, coma o resto de mozos e mozas da vila, denantes de colocarse cos seus trebellos de música electrónica diante de 30, 40 ou 50 mil espectadores en calquera lugar do mundo, cos seus Grammy compartindo habitación con calquera recordo familiar de Celanova.

Incluso o domingo os lectores deste xornal soubemos que esa mesma Praza Maior serviu de inspiración artística -aí é nada!- para algún dos escenarios do Memoria do 11 de setembro de Nueva York, gracias  a un dos seus deseñadores, Jorge Martínez, ó que escoitei nunha reportaxe de televisión falar un galego que me caía a baba.

O mesmo galego que lle escoitei falar esta mesma semana pasada a outro ourensán do mundo, como é o actor carballiñés José García, con quen gocei do luxo de compartir mesa e conversa arredor do cine e da nosa condición sociolóxica, así como sobre o que constitúe nosa forza perante o resto do mundo, xunto con outros catro bos amigos, comendo -como non!- pulpo no Carballiño.

Xente de aquí e de acolá, diría Álvaro Cunqueiro, que representa o noso realismo máxico polo mundo e coa nosa idiosincrasia correndo polas súas venas axúdanos a velar un chisco aquelas vellas fotografías de maletas de cartón ou baúis de regreso amontoados no peirao de Vigo ou da Coruña, ou mesmo na Estación de Ourense-Empalme.

Xente de aquí e de acolá coma José García, que non só non dormen ós polos léndolles a prensa -como facía algún personaxe de Cunqueiro-, senón que co seu traballo enchen as salas de cine de Europa e, paralelamente, son portadores de tanta grandeza como para se ofreceren como soldados rasos co fin de, por exemplo, axudar a que o Festival de Cine de Ourense se converta nun verdadeiro referente.

Te puede interesar