Opinión

¡Xa-vai-tocando!

Dis que a mellor maneira de cortarlle as alas a un ministrable ou a un futurible conselleiro, é filtrar na prensa o seu nomeamento.

Nesta mesma liña, tamén hai tempo que circula por aí o ruxe-ruxe de que o mellor xeito de conseguir que a un escritor xa falecido non lle dediquen o Día das Letras seica é promover unha campaña de recolección de sinaturas ou apoios para que a Real Academia Galega se pronuncie en tal sentido.

Certamente non sei canto hai de "vero" nin de "ben trovato" en calquera das dúas hipóteses que acabo de expoñer, xa que logo, no caso dos ministerios e das consellerías a estas alturas teñen sido tantos os ministros e conselleiros nomeados que é de supoñer que unhas veces as filtracións fan albo e outras veces non, mentres que no caso da RAG e do Día das Letras dáme a min que a experiencia balancea tamén a favor do anonimato, se ben non con tanta contundencia, pois coido que mesmo o persoeiro ó que se lle dedicará este ano o 17 de maio foi obxecto en anos anteriores de solicitudes previas, xa fosen estas individuais ou colectivas.

Fago esta reflexión ó fío da información que publicou este mesmo xornal o pasado sábado no sentido de que o grupo municipal "Xinzo Adiante" presentou unha moción -que eu aplaudo aína que non sirva de moito, digo de paso- no seu Concello para que o pleno presente formalmente a candidatura de Carlos Casares no seo da RAG co fin de que lle sexa dedicado -non sen méritos evidentes e contrastados- o Día das Letras de 2017.

E fágoa, repito, porque malicio que as xestións, para que sexan efectivas deben ir por outras vías máis "diplomáticas", de forma que os Académicos, cando decidan o seu voto poidan faceren uso da súa liberdade de pensamento sen sentiren o bafo da presión mediática nas costas. Cousa que non obsta, repito tamén, para que eu sexa, así mesmo, un entusiasta defensor da necesidade de que a Galicia oficial e a escolar pouse de vez a mirada sobre a salientable obra literaria, cultural e xornalística dun ourensán tan de pro como Carlos Casares. E xa non só polos valores de seu que atesoura, senón porque por xustiza demográfica xa lle vai tocando a un ourensán, non en van, se non me fallan os cálculos, dende hai ¡23 anos! o Día das Letras tan só recaeu en tres ourensáns (Eduardo Blanco Amor, 1993. Eladio Rodríguez, 2001 e Xaquín Lorenzo, 2004). É dicir, ¡xa-vai-tocando!

Como tocando vai tamén que -agora que hai dúas vacantes- o propio plenario da Real Academia volva sentar a algún escritor ourensán nas súas cadeiras, pois non deixa de ser vergoñento que entre os seus trinta numerarios (Ferrín é un caso aparte), tan alta institución cultural non conte hoxe con ningún escritor ourensán. Que os hai. E certamente meritorios.

Te puede interesar