Opinión

Xigantes da creación artística

Si. Eu tamén teño un "cristo" dos de Acisclo. E digo ben, tamén, porque somos multitude os ourensáns que gardamos con agarimo unha máis ou menos figura estilizada, de formas só anunciadas, que o propio Acisclo nos ten regalado coa convicción de que é un amuleto que nos dará boa sorte na vida.

Téñoo pendurado a carón do estante dos libros, moi preto de onde estou escribindo. É máis, para esta columna baixeino do seu particular gólgota e de cando en vez doulle a volta porque nunca sei moi ben se está cos pés para abaixo, coma o "redentor", ou cos pés para arriba, coma San Pedro.

Son, como acabo de escribir, formas que só se mostran a través da arte do disimulo. Formas redondeadas que non se acaban de pechar xamais. Curvaturas suaves e xustapostas, coma as dos vales e dos outeiros da nosa terra.

En fin, formas nalgún caso semellantes ás de Xosé Cid, das que tamén me prezo de contar con algunha. Algunha maternidade, algún torso retorneado, algunha familia simbiótica e, como non, algún San Rosendo.

Igual que as de Manuel Buciños, que tamén fan da curva tanxenciada e da suavidade elegancia a súa marca de imaxe, xa sexan en bronce ou en madeira, incluso na mestaura de ámbolos dous materiais. Curiosamente de Buciños non teño ningunha, o cal non quere dicir, nin moito menos que a miña admiración pola súa traxectoria artística e pola súa obra non se atope ó nivel de valoración dos outros dous "tenores" da escultura ourensá, que temos a sorte -a inmensa sorte- de poder gozar tan de cerca.

Dos tres por separado teño escrito nesta columna en máis dunha ocasión porque os anos van pasando para eles e para min e as ocasións ou as razóns de ser -coma as enrugas- de seren traídos a este espazo téñense ido pousando paseniño ó longo do tempo.

Velaí que me felicito porque Xosé Paz tivera a idea -a boa  pertinente idea- de xuntalos nunha conversa a catro en perspectiva, coma quen se pon a xogar ó tute coas cartas da memoria e canta as corenta en bastos porque as cousas -algunhas cousas da vida- xa non son como eran.

Doulle as gracias, pois, ó amigo Xosé Paz por poñerme por diante a desculpa de poder escribir arredor dos tres, alén do laboratorio de formas que cada quen conserva no segredo do seu estudo. E digo, máis alá do laboratorio de formas, porque se algunha característica humana os une e os identifica, esa é a humildade que tan ben lles senta ós tres dende que imaxinaron a primeira peza e que aínda os fai moito máis xigantes da creación artística.

Te puede interesar