Opinión

Anécdotas dun clásico

Anotable reputación actual dos irmáns Coen contribuíu sobremaneira a que o paso dos anos convertera a “Sangue fácil” non só no primeiro elo dunha cadea de prestixio senón tamén nun referente ineludible dentro do cine independente norteamericano dos anos oitenta (cando o cine “independente” aínda o era de verdade). E para rematar xa co estudo que lle fixen a este filme, repasemos aquí algunhas anécdotas e curiosidades deste clásico moderno.

Durante a rodaxe, actores e técnicos hospedábanse nun hotel de mala morte na localidade de Austin, que seica tiña un slogan que dicía: “Un día ou toda unha vida”. Este mesmo slogan reaparece no sinistro hotel Earle, onde transcorre a maioría da acción doutra famosa película dos Coen, “Barton Fink”.

Entre os premios que acadou no momento da súa estrea destacan os da Crítica e mellor actriz (Frances McDormand) no Festival Internacional de Cine Fantástico e de Ciencia Ficción de París (1984), e o Premio Especial Cidade de Madrid e da Crítica do Imagfic’85.

Os Coen levaron a cabo algúns pequenos cambios no guión que escribiran, ben rexeitando algunhas escenas previamente escritas pero nunca rodadas, ou ben reducindo e incluso eliminando da montaxe definitiva outras que si foron filmadas. Reducíronse escenas como un diálogo entre Marty e Debra, un momento en que unha muller hispana lle ensina a Abby un apartamento para que o alugue, ou outro diálogo na cama entre Ray e Abby na que esta última fala do carácter violento do seu home. Desapareceu unha secuencia na que Ray cre oír uns sons na casa de Marty producidos polo “fantasma” deste último (en realidade, polo seu can). En certa ocasión, os Coen fixeron bromas cun periodista dicíndolle que se quedaran coas ganas de rodar unha escena na que Abby serraba os dedos do detective e ía tapando con eles os buracos de bala na parede. Remato dicindo que en 1998 fixeron unha nova montaxe do filme... máis curta!, porque decidiron mellorar o acabado xeral da película e pulir defectos da montaxe.

Te puede interesar