Opinión

As catro verdades

Díxenlle catro verdades ó home que estaba colgado da galla dun carballo segundo se entra nos Poulos, esas leiras que hai en Baños de Molgas enfronte mesmo da ponte de Pinouzos. A primeira, díxenlle que era verdade que estaba colgado coma se fora un porco logo de destripalo e lavalo. A segunda, deixeille caer que era verdade que a corda da que penduraba era de esparto, que mellor fora que se colgara co sedeño que tiña na palleira da Aira de Arriba. A terceira, cuspinlle que tamén era verdade que agora deixaba unha familia rota e que non había dereito a facer o que fixo. Que por que carallo se colgou, que o tiña todo nesta vida: desde unha familia de catro membros ata dúas xugadas de vacas. A cuarta, mireino intensamente e a verdade reflectía nas meniñas dos meus ollos. Era verdade que, agora, a dor e o silencio reinaba polas corredoiras dos Poulos e as campás berraban a morte por entre as rúas de Baños de Molgas. Logo das catro verdades baixei o cadáver e deixei que a morte acougase na borralla da vida.

Te puede interesar