Opinión

Furioso e prolífico

Drogadicto, alcohólico, homosexual, cineasta furioso e prolífico, comprometido consigo mesmo e hipercrítico co seu país, morreu tráxica e prematuramente, deixando unha obra singular.

Nado o 31 de maio de 1945, nos días da derrota definitiva da Alemaña nazi, Rainer Werner Fassbinder, fillo de pais separados, educouno a súa nai, que apareceu, con outro nome, nalgúns dos seus filmes. Ó rematar o bacharelato deixou os estudos para matricularse na escola de arte dramática de Múnich, onde coñeceu a moitos dos que serían os seus colaboradores cos que fundaría o “Antiteater”. Xa en 1969 rodou a súa primeira película, “O amor é máis frío ca morte”, que presenta no festival de Berlín. Ese mesmo ano rodou tres películas máis, coas que iniciou unha frenética actividade que caracterizaría unha obra de rara amplitude nos nosos tempos.

Pero o que fixo de R. W. Fassbinder o máis popular realizador do cine alemán, nunha época na que este brillaba de forma singular, foi a súa constante insolencia e a agresividade coa que abordou temas máis ou menos escandalosos. Nunca disimulou a súa homosexualidade, a súa adicción ó alcohol e ás drogas, que aparecen como unha constante en case todos os seus filmes.

Home de esquerdas, mesmo de esquerdas radicais, non dubidou en denunciar as manipulacións da esquerda alemá en “Viaxe á felicidade de mamá Küsters” (1974) ou ós que practicaban a loita armada en “A terceira xeración” (1979). A súa visión da homosexualidade non foi unha mera reivindicación da mesma, senón que implicaba a constatación de que tamén entre os gais existe a dominación e a loita de clases. Así, en “A lei do máis forte” (1974), o homosexual burgués explotaba ó proletario. Tamén á Alemaña do benestar a atacou nas súas películas “O matrimonio de María Braun” (1978), “Lola” (1981) e “A ansiedade de Veronika Voss” (1981), nas que Fassbinder insistía en lembrar a subsistencia, nunca aceptada pola sociedade alemá, dos que se beneficiaran do nazismo. Realizou tamén “As amargas lágrimas de Petra von Kant” (1972) e “Querelle ”(1982), entre as máis coñecidas.

Morreu, como máis ou menos se esperaba, a causa das drogas e o alcol, o 10 de xuño de 1982, ós 37 anos.

Te puede interesar