Opinión

O instrumento musical

Secundino Troiteiro Pescantín, O Troiteiro -por unha vez a xente non matou moito a cabeza para buscar un alcume-, colleu da palleira o instrumento musical e asentouno no ombreiro dereito. El chamáballe instrumento musical ó sacho. Porque, ó cavar, facíao con música e producía música.

Primeiro fago un inciso para comentar que, a pesar dos apelidos, Secundino non coñecía o mar e tampouco sabía o que era un río. Vivía na Galicia profunda. Tan profunda que a súa aldea asentaba nun buraco entre montañas tan fondo que case non se vía. A aldea estaba tan profunda que cada vez que chovía con moita intensidade, medio se anegaba, pero sen tempo para criar peixes.

Feita a paréntese, digo que O Troiteiro cavaba ó ritmo da música. Calquera que o vise pensaría que estaba tolo, porque, se nos seus auriculares asomaba un tema de rock, avanzaba polo rego que mesmo semellaba que estaba nunha competición de atletismo. Se o tema musical era unha balada, a súa cavadura era tan lenta que a algún veciño dáballe tempo de botar unha boa sesta antes de que Secundino rematara o rego.

E facía música co sacho porque, el mesmo, intentaba darlle ritmo -ou non-, forza -ou non-, altura -ou non- ó aparello para que, ó caer sobre a terra ou sobre os pés das patacas ou millo, o golpe semellase música labrega. Ó final, iso si, sempre remataba coa mesma estrofa: un ai, ai, ai, ai de dor nos cadrís. Puto instrumento musical! Maldito sacho!

Te puede interesar