A posprodución de Sangue fácil foi extremadamente lenta, pese a tratarse dunha produción de tan baixo presuposto, alongándose durante un ano ata o inverno de 1983. Tal e como teñen por costume, os irmáns Coen levaron a cabo persoalmente a montaxe do filme, asinándoo co pseudónimo conxunto de Roderick Jaynes que veñen utilizando desde entón. O seguinte problema ó que tiveron que facer fronte foi atopar un distribuidor para a súa película. “Ó principio ninguén quería saber nada dela –recorda Joel-. Catro ou cinco distribuidores de renome vírona e a maioría deu un `non´ inequívoco. Sempre dicían: `Como vou vender esta película?´. Sangue fácil non é fácil de clasificar. É unha película de crimes que semella feita para salas de arte e ensaio, e algúns distribuidores pensaban que os afeccionados de ambos xéneros poderían equivocarse”.
Opinión
Melodrama sobre asasinatos
Os irmáns Coen describían Sangue fácil como un melodrama sobre asasinatos que se desenvolve en Texas, ó estilo de James M. Cain. “Ambos empezamos a ler as súas novelas hai uns anos –explicaba Joel Coen en 1985-. As que máis nos gustaron foron O carteiro sempre chama dúas veces, Pacto de sangue, Mildred Pierce e unha pouco coñecida chamada Estrada en Do Maior. Esta última escribiuna porque era un cantante de ópera frustrado. Gustounos moito o seu estilo duro e decidimos escribir unha historia ó seu estilo ambientada nun contexto moderno”. De cara á súa promoción publicitaria, os Coen empregaron como slogan unha frase de Alfred Hitchcock que o mestre británico empregara para comentar unha famosa escena de violencia do seu filme Cortina resgada (1966): “Chegou o momento de demostrar que difícil, penoso e longo resulta matar a un home”. A referencia a Hitchcock non é ociosa, pois como admitiría Joel Coen: “Queriamos que fora divertida, pero non se trata en absoluto dunha parodia. O argumento é moi lúgubre, aínda que nunca pretendemos que a película tivera un ton sinistro. Hitchcock sempre mesturou moi ben o humor co funesto. Cain, Hammett e Chandler escribían tamén sobre crimes e paixóns en ebulición, pero o ton era alegre e contan as súas historias con sentido do humor”.