Opinión

Odisea urbana

En México chaman güeros ós de pelo rubiasco e pel clara; por oposición ós morenos ou pretos, de pelo e cute máis escuros. Tomás e güero, ó contrario que o seu irmán Federico. Esa podería ser unha diferenza nunha sociedade aínda discriminatoria e discriminada, na que ser güero podería implicar aínda ter máis posibilidades.

O bo de “Güeros”, ópera prima de Alonso Ruizpalacios, rodada nun precioso branco e negro, é que non se pon moralista, senón paródica. Logra describir un ataque de pánico a través dunha solución visual tan eficaz como fermosa, e aparentemente sinxela. Revela en Ruizpalacios a un lexítimo poeta: é dicir, alguén coa serena madurez para sacar conclusións universais.

“Güeros” é a historia de dous irmáns, máis un amigo e a ex noiva do máis vello, que percorren a capital mexicana buscando a un esquecido cantante chamado Epigmenio que unha vez soubo emocionar ó mesmo Bob Dylan. De atopalo depende a salvación mesma dun país á deriva ou quizais a simple recuperación dun pasado feliz compartido.

Non queda moi claro, nin falta que fai, por que esta formulación xustifica tenuemente a odisea urbana que imos presenciar, e onde a violencia da vida mexicana aparece só de forma tanxencial.

Discurso divertido, fresco, cheo de vitalidade e enerxía. O director consegue afirmar unha ollada complexa e sensible sobre o limbo do desarraigo e inmaturidade que habitan os seus personaxes. E faino partindo da convicción de que o estilo é contido: aquí cada plano e cada movemento de cámara ten a forza dunha clase literaria que muda en imaxe.

Remato co monólogo autocrítico, xenial: “Puto cine mexicano! Agarran uns pinches esmoleiros e filman en branco e negro e din que xa están facendo cine de arte.

Os chingados directores, non conformes coa humillación da Conquista, aínda van ó Vello Continente e dinlle ós críticos franceses que o noso país non é máis que un niño de marráns, rotos, diabéticos, agachados, rateiros, fraudulentos, traizoeiros, malacopa, putañeiros, miñaxoias e precoces”.

Te puede interesar