Opinión

O país das incongruencias

Somos o país do esperpento e das incongruencias. Somos o país que, por diante, ensinamos o dente nun eterno sorriso e, por atrás, ese mesmo dente rilla nas bondades dun pobo que, inocente!, deixa facer. E dá igual que entendamos o país como España que como Galicia. Tanto monta, monta tanto. E co PP de fondo. Resulta que agora o noso presidente Núñez Feijoo lanza iso tan bonito como é “o código ético” para a clase política. Aí é nada! Incongruencia total porque precisamente o partido del é o que máis imputados ten hoxe por esquecerse e incluso burlarse desa ética que quere impoñer agora, ou polo menos da que quere presumir. A quen queren enganar? Ofrecen a man esquerda, pero coa dereita métenlle man a todo o que se lles poña por diante. A quen lle lanzará esa mensaxe? Ó mellor pensa que así lava as falcatruadas, as argalladas que fan os seus compañeiros de partido, tanto nacionais coma rexionais. Que ironía, o Partido Popular pedindo un código ético. Si, semella a película de Kubrick.

Outra nova. O ministro de Exteriores, García Margallo, asegura que a comunidade catalá perdería un 20% da súa riqueza coa independencia. E canto perdería España, ou sexa, o resto do país? Amén de que ó mellor ó pobo catalán non lle importa perder algo con tal de independizarse. Por que non lles deixan realizar ese referendo? Seica hai medo?

Te puede interesar