Opinión

Unha psicanálise con alma

Arealizadora madrileña Gracia Querejeta demostrou desde a súa primeira longametraxe (“Unha estación de paso”, 1992) un dominio do oficio infrecuente nos debutantes. Na súa terceira longametraxe, da que imos falar hoxe (“Cando volvas ó meu lado”, 1999), o citado dominio alcanza a excelencia. Cun guión escrito en colaboración co seu pai, o produtor Elías Querejeta, e Manuel Gutiérrez Aragón, as dificultades narrativas que levan os frecuentes flash-backs resólvense cunha elegancia e habilidade envexosa. O espléndido reparto (Adriana Ozores, Mercedes Sampietro, Marta Belaustegui, Rosa Mariscal, Julieta Serrano e Jorge Perugorría) contribúe a consecución dun fermoso e sólido filme.

Tres irmás xúntanse para cumprir o derradeiro desexo da súa nai antes de morrer: que as súas cinsas se repartan entre tres destinatarios distintos. As mulleres inician así unha viaxe por estrada que ó tempo é tamén unha viaxe interior no que van furgar en vellas feridas. Mediante dez fluídos fundidos en vermello, rememoran algúns momentos significativos da súa infancia que, en clave de melodrama, desentrañarán ante o espectador o misterio que marcou á familia.

Pódese dicir que Gracia Querejeta esparexe, salpica a mexeriqueira, pero moi intensa, relación desas tres irmás coa intriga que xace nos días da súa infancia na casa familiar, cando un bo día o seu pai abandonou o fogar e nunca máis o volveron ver. “Cando volvas ó meu lado” é un pozo inesgotable de sorpresas, de suxestións, de sutileza. Tamén de desgarro, de violencia, de claroscuros, de amor. Hai que vela, sentila e xulgala. É un melodrama, unha traxedia, unha psicanálise con alma, unha viaxe cara á luz despois de reconstruír os vellos e transcendentes infernos.

Gracia Querejeta aposta pola sobriedade, a contención e a elegancia, acertando cun cine maduro, serio, con historias adultas, tratadas con intelixencia, filmadas con auténtico arte e sen concesións ós gustos fáciles. A maiores, estamos ante unhas das interpretacións dramáticas máis perfectas do cine español. Mención especial do xurado no festival de San Sebastián e nomeamento a sete premios Goya en 1999. Aí é nada.

Te puede interesar