Opinión

Se non o mellor

Non é fácil condensar as razóns que fan de John Ford un dos realizadores ó que se ten por un dos máis importantes da historia do cine, se non o mellor (unha vez preguntáronlle ó gran Orson Welles que dixera os tres mellores directores da sétima arte e contestou rápida e categoricamente: John Ford, John Ford e John Ford). A iso habería que engadir como dificultade suplementaria a inmensidade da súa obra (máis de 130 películas), os numerosos malentendidos que suscitou e as impugnacións que se verteron sobre ela (militarista, maniqueo, racista, etc). Nesa inmensidade de filmes hai comedias e dramas, pero na memoria da gran maioría, John Ford será sempre o máis grande director de películas do Oeste.

Sean Alosius O’Feene naceu no Estado norteamericano de Maine o 1 de febreiro de 1894, fillo máis pequeno dunha familia de emigrados irlandeses (desde Galway), lugar a onde volvería con frecuencia durante a súa infancia e adolescencia, sempre na compaña do seu pai. Con 20 anos e sen saber moi ben como ganar a vida, marchou cara á Hollywood, onde o seu irmán máis vello, que se facía chamar Francis Ford, era guionista, actor e director nos Estudios Universal.

Co seu irmán empeza a traballar como axudante de ambientador, actor ou axudante de dirección ata que, en 1917, e case sempre para a Universal, empeza tamén a dirixir usando o nome de Jack Ford, alcume co que asinará 35 longametraxes e 10 curtametraxes ata 1923, momento no que decide chamarse John Ford.

Case todos eses títulos que rodou son westerns interpretados por Harry Carey, ata que en 1920 roda a súa primeira película allea ó xénero do Oeste, interpretada polo boxeador James Corbett, titulada “Gentleman Jim”.

Na década dos vinte, e para a Fox, coa que traballaba desde 1921, John Ford realiza entre 1923 e a chegada do sonoro, un conxunto de 19 películas, entre as que destacan “O cabalo de ferro” (1924), “Sangue de pista” (1925), “Tres homes malos” (1926), “A folla do trevo” (1926), “A aguia azul” (1926), “O legado tráxico” (1928) e, sobre todo, “Catro fillos” (1928). Sobre as rodadas na época sonora falaremos a semana que vén.

Te puede interesar