Opinión

Soldados asasinos

27 de febreiro de 1969. O entón mozo “milenario” recibiu un telegrama postal da Instrución Premilitar Superior no que se lle notificaba que “tendo superado as probas físicas e psicotécnicas e en atención a súa cualificación escolar”, seleccionábaselle para encadralo en excedente de I.P.S., “e asistirá ao campamento de ‘El Talarn’ (Lérida)”. O telegrama asinábao o comandante xefe (ilexible).

1 de xuño de 1969. Despois de 24 horas de viaxe sen probar bocado, nun tren de asentos de madeira que se desprazaba a unha velocidade de 30 km/h, chegaron ao seu destino, á cidade de Tremp. O despistado “turuta” deixou a maleta nunha vivenda do pobo e desprazouse o campamento do Talarn. Foron tres meses nos que non aprendeu nada, pero foron interesantes as viaxes de fin de semana a Barcelona, a Val d’Arán, Viella... Carente de espírito militar, tivo unha cualificación baixa. Os mandos militares pasaban de todo e desfrutaban cos castigos que aplicaban arbitrariamente creando un clima de tensión pola presenza de “informadores” infiltrados entre a tropa. 

1 de xuño de 1970. O segundo campamento, no que estivo destinado outros tres meses, estaba en Hoyo de Manzanares, preto do Palacio del Canto del Pico, que Franco recibiu como herdanza do Conde de Almenas e trala morte do ditador pasou á súa familia, como outras propiedades do Estado. O hoxe Vello Milenario lembra con desagrado o tempo que estivo no citado campamento: foi arrestado en numerosas ocasións por xogar o “julepe” estando de “imaxinaria”, por “escaquearse” da instrución, por suspender os exames... Despois de facer “o caimán” durante varias xornadas, foi convocado polo capitán para anunciarlle que ao próximo arresto seria expulsado das milicias e enviado a una compañía de castigo. A pesar de todo, unha noite saíu do recinto para chamar aos camaradas dun soldado militante do clandestino Vanguardia Obrera que fumara hachísen compañía doutros cinco, entre eles o fillo dun militar que transmitiu o nome dos implicados na “fumata”, e todos acabaron no calabozo. Houbo un rexistro dos armarios na búsquea de restos de hachís, pasando por alto a propaganda clandestina que gardaba na súa taquilla o militante antifranquista. Unha vez máis, o entón mozo milenario saíu de noite con todo o material clandestino e enterrouno no monte.

1 de xuño de 1971. Cuartel de San Francisco (Ourense). Incorpórase ao Rexemento Zamora número 8 para completar o período militar como cabo primeiro, destacando un desagradable acontecemento que lle tocou vivir como membro de garda baixo as ordes dun capitán alcoholizado que decidiu castigar duramente aos membros da cociña, por reservar para eles os mellores restos de comida. O capitán ordenou que todo o persoal de cociña (eran sete os que quedaban) tiñan que comer restos hasta que non quedara nada. Durante 3 horas, os coitados soldados intentaron acabar con todas as sobras (10 sopeiras e 15 bandexas sen contar os postres). Chegado o momento, os soldados negáronse a seguir comendo, e o capitán totalmente ebrio ordenou a garda que cargara os cetme e apuntara os angustiados soldados. Ante a negativa de todos os membros da garda, o capitán abandonou o recinto cheo de alcohol e furioso por quedar en evidencia ante os seus subordinados.

Ante a crueldade dos soldados do Exército israelí que non dubidan en disparar a nenos, enfermos, mulleres embarazadas, médicos, profesores... e fano con saña e prodúcelle o pracer do cazador que consigue unha peza, preguntámonos ¿beberon os soldados asasinos vino de bilis de serpente? O capitán era xa unha cobra. 

Te puede interesar