Opinión

Ave-riados

O Concello de Ourense, a parte socialista creo, organiza unhas xornadas sobre o AVE e Ourense. Ese AVE contemplado no Plan Galicia popular que a ministra Magdalena chamou ‘de mier...’. E quedou tan pancha despois de insultarnos. Esa ministra Magdalena que o BNG confirmou no cargo a finais da pasada lexislatura. Ese BNG que votou positivamente a proposta do PP para poñer en marcha unha subcomisión que vele polo cumprimento dos prazos das obras públicas comprometidas polo Estado en Galicia. En contra as deputadas socialistas, incluido o ‘galego’ Antón Louro, presidente da comisión de infraestructuras do Congreso. Supoño que un voto en contra que comparten os outros números 1 do PSOE nas pasadas eleccións: o lucense Pepe Blanco e as ministras Molina -coruñés- e Espinosa -que pisou Ourense estes días por primeira vez catro meses despois das eleccións-.


Touriño, o presidente socialista do bipartito galego, declarárase ‘o garante do Plan Galicia’. A súa garantía ben pouco vale. Tanto como a súa palabra porque dixera, en 2005, que o AVE estaría en funcionamento en 2009. No 2006 dixera que funcionaría en 2010. O ano pasado falou do 2011. E neste 2008 dice que falaremos en 2012. A ministra Magdalena expresou que sería unha realidade ‘no horizonte de 2012’. O rigor novamente como ‘marca da casa’ do socialismo. Realmente impresentable.


Nesta semana apareceu por Ourense, nesas xornadas ás que me referín, ‘a Magdalena Álvarez galega’, que non é outra que a conselleira de Política Territorial da Xunta, María Xosé Caride. Veu e dixo que en 2012 podería estar a vía pero non a estación. Supéranse cando parece máis difícil. Para chorar. Tres anos de goberno e cero actuacións a prol da provincia de Ourense. Tres anos de marxinacións e de fotografías. Tres anos de esquecemento... ¿Ónde está a circunvalación norte na cidade? ¿U-lo a conexión da A-52 coa fronteira portuguesa? ¿Cándo rematará a A-53?... Nada de nada, simplemente presentar un documento, as normas de ordenación do territorio, que son exactamente as mesmas elaboradas por Alberto Núñez no goberno popular. Ou sexa que tres anos para encuadernalas. Unha conselleira que ten a dubidosa honra de contar cos altos cargos do seu departamento imputados xudicialmente polo proceso de adxudicación da autovía do Barbanza.


E logo éncheselles a boca ó falar do ‘plan de reequilibrio territorial’, teóricamente dirixido ás provincias do interior: Lugo e Ourense. Pero nada se sabe dese Plan, os cartos siguen indo para os mesmos sitios -gobernados polo PSOE-, e poño como exemplo os proxectos do Plan Urban que xa non financiará actuacións na nosa cidade por un capricho de Touriño e da señora que veu a Ourense a buscar unha nova portada. Porque o Plan de ‘reequilibrio territorial’ xa empeza cun nome equivocado. Porque o reequilibrio supoño que é o obxectivo cando existía un equilibrio anterior. E aquí o desequilibrio entre Lugo-Ourense e Pontevedra-Coruña é histórico. Chamémoslle como corresponde ‘Plan de equilibrio’, para equilibrar. E, sobre todo, dotémolo de fondos e poñámolo en marcha. Non máis fotos gratuitas por favor. Non máis aldraxes.


(*) Deputado autonómico do PP

Te puede interesar